Entrevista

Martín Seco, deputado do PSdeG: "Sinto unha indefensión total e absoluta"

Martín Seco (Vilalba, 1976) defende a súa actuación no debate en pleno sobre a Lei de áreas empresariais —crítico coa norma mais votando a favor tal e como solicitara o seu partido, o PSdeG— e afirma sentirse "indefenso" porque isto poida dar lugar a un expediente. 
O parlamentario Martín Seco,  ás portas da Cámara galega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O parlamentario Martín Seco, esta cuarta feira, ás portas da Cámara galega. (Foto: Nós Diario)

—Que valoración fai vostede da Lei de áreas empresariais?
O que pretende o Partido Popular é lavar a cara de 13 anos de ausencia de xestión na ordenación territorial da Galiza. Eu creo que esta lei ten unha motivación esencial, que é flexibilizar todo o posíbel a tramitación destas áreas para non perder a oportunidade dos Next Generation, aínda que eles o enfoquen desde outro punto de vista. É como se fose unha emenda á totalidade das políticas do PP a respecto da ordenación territorial.

—No seu día foi moi crítico con esta lei mais votou a favor.
A motivación esencial de votar a favor desta lei é cando o propio Goberno do Estado pide que se axilicen os trámites para que cheguen os fondos de Europa. O noso voto significa non pór paus nas rodas, que non se nos poida acusar diso, de pór trabas á chegada deses fondos.

Hai moitas cuestións da lei, de fondo, que son criticábeis, como expliquei na miña intervención; esa lei non vai solucionar o grave problema que hai de ordenación territorial nas nosas áreas e polígonos; mais, por responsabilidade, hai unha indicación por parte da dirección do partido que asumo: que non se nos acuse de pór paus nas rodas, que o PP non teña a desculpa de dicir que se non chegan os fondos é culpa dos que entorpecen.

—Mais houbo un cambio de opinión no PSdeG a respecto desta lei.
Fomos moi críticos no desenvolvemento desta lei. O PP en ningún momento se abriu a negociala, limitouse a aceptar algunhas emendas, non falou para nada coa oposición. Nós tiñamos unha posición crítica coa política do PP nestes 13 anos de Goberno, cremos que se perdeu unha oportunidade histórica despois do Goberno de coalición de PSdeG e BNG para seguir impulsando a ordenación e xestión do territorio. O PP o único que fai, na lei de 2017 como na de 2021, é flexibilizar prazos e procedementos. E iso sen xestión non vale de nada.

Eu fun moi crítico con esta política do PP, tamén por non querer contar no desenvolvemento desta lei con concellos e asociacións, que tamén teñen que dicir. No seu momento, na comisión votamos unha abstención crítica. Despois, trasládase dar o voto afirmativo para evitar que se nos acuse de pór paus nas rodas; non facer como o Partido Popular a nivel estatal, que sempre anda buscando a maneira de que non se acaben de desenvolver estes fondos europeos tan precisos. O voto está ben argumentado e explicado.

—A súa intervención no pleno no debate desta lei dá lugar á nova de que pode ser obxecto dun expediente.
Non teño ningún tipo de comunicación por parte de ninguén diso, só son coñecedor do que sae nos medios de comunicación. O único que sinto é indefensión absoluta, xa se fixo un xuízo público cara á miña persoa e por cuestións que están completamente inxustificadas.

Xa pedín amparo aos órganos federais do partido e quero poder defenderme ante unha situación de indefensión, dun xuízo público, acusándome de facer algo que non fixen. 

Eu pido cordura, sentido de partido, isto o único que fai é prexudicar e perto dunhas eleccións. Eu estou disposto a dialogar, a falar, para aclarar que o que eu fixen foi o que me pediu o meu partido, que é defender a nosa posición, ser críticos coas políticas do Partido Popular e argumentar a decisión.

—Di que non ten coñecemento oficialmente do expediente. E extraoficialmente?
Nin oficialmente e nin sequera nunha conversa privada. Por iso sinto indefensión. 

—Cre que a xente, e máis nun contexto de crise, non está farte deste tipo de situacións nos partidos?
Estou máis preocupado polo que isto poida prexudicar o meu partido que á miña persoa. Estou tranquilo coa miña actuación. Martín Seco non é ninguén máis que un compañeiro máis, estou preocupado por estas filtracións que o único que fan é prexudicar o PSdeG nuns momentos como estes, coas eleccións municipais perto. Todos deberiamos estar sumando e traballando e explicando á cidadanía

—Se finalmente hai expediente...
Vou defenderme alí onde sexa necesario. Creo que é totalmente inxustificado a apertura dun expediente a alguén que non incumpriu ningunha norma do partido, recibe unha indicación e acéptaa e vota a favor da Lei de áreas empresariais, non se expresa en ningún momento en contra do sentido de voto e o único que fai é pór en evidencia estes 13 anos de Goberno do PP en xestión territorial, que considero que son un “desastre”.

Defendereime nos órganos do partido e se fai falta, defendereime tamén na xustiza ordinaria. Mentres tanto, estou tranquilo e seguirei até final da lexislatura facendo o meu traballo no Parlamento.

—E que valoración fai das políticas do PP nestes anos para o agro e o medio rural?
Dicíame unha persoa boa coñecedora do rural que a Consellaría facía unha política de bombeiro, todo eran fogos de artificio, moi de cara aos medios e moi pouco de política real e pragmática de cara aos problemas que hai no rural galego.

Para o conselleiro os problemas que afectan, como a escasa superficie agraria útil que hai na Galiza, semellan ter solución con iniciativas como as aldeas modelo. Aposta por facer unha especie de escaparate do rural da Galiza, cando o que hai que pór en valor é o rural, non o escaparate. Moita cortina de fume cando hai moito por facer: axudas as pequenas explotacións, lograr maior superficie, unha defensa e impulso dos servizos públicos no rural...

Comentarios