18-F

As chaves de San Caetano están nas sete cidades: así inflúe o voto das grandes urbes (e a participación)

A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, así como a elevada participación, foron determinantes á hora de decantar a balanza cara á esquerda en 2005 e cara á dereita catro anos despois. Segundo o último barómetro do CIS, para este domingo anticípase unha participación moito maior que nas últimas citas electorais e as grandes cidades, nas que se estima un menor apoio ao Partido Popular que no resto do país, xogarán un papel crucial.
Gráficos de intención directa de voto (segundo o CIS) en función do tamaño do municipio sobre unha imaxe dunha carteira depositando os votos emitidos por correo. (Foto: Álex Zea / Europa Press)
photo_camera Gráficos de intención directa de voto (segundo o CIS) en función do tamaño do municipio sobre unha imaxe dunha carteira depositando os votos emitidos por correo. (Foto: Álex Zea / Europa Press)

Do último barómetro preelectoral do CIS, publicado a pasada segunda feira, poden extraerse diferentes lecturas. Unha delas é a especial relevancia que terán nestes comicios as cidades e grandes municipios do país, onde o groso do voto parece decantar a balanza cara á esquerda. Con base nesta macroenquisa, as tres únicas cidades do país que superan os 100.000 habitantes —A Coruña, Ourense e Vigo— son as que parecen máis dispostas a acudir o domingo ás urnas, pois até 82,5% das persoas enquisadas neste segmento poboacional afirma xa que "con toda seguridade" votará.

Tamén arredor de oito de cada dez persoas avanzan que o farán nos municipios de entre 2.001 e 100.000 habitantes, e só nos de menos de 2.000 parece haber unha menor certeza de que se participará nas eleccións, pois cae até o 69,6% a porcentaxe de cidadáns e cidadás que din ter a "total seguridade" de que levarán a súa papeleta ao colexio electoral.

No conxunto da poboación galega, independentemente do tamaño do municipio, até 79,7% dos galegos e galegas dan por feito que votarán, unha porcentaxe significativamente máis elevada que nas anteriores citas electorais e que contribúe a prever unha elevada participación. Antes das eleccións de 2020, o último barómetro preelectoral do CIS apuntaba que xa tiñan decidido que votarían o 69,4% das e dos electores da Galiza a estas alturas, dez puntos menos. En 2016 fora o 64,5%, e en 2012, unicamente o 38,4%. Nesas tres citas electorais a participación oscilou entre o 55,4% de 2012, a máis alta neste período, e o 48,97% de 2020, a máis baixa.

E voltando ás grandes cidades, as de máis de 100.000 habitantes, estas son tamén as que avanzan unha menor intención de voto ao Partido Popular pois, segundo o CIS, os municipios de maior tamaño, e por tanto cun peso moi importante sobre o censo total, son os únicos nos que a formación que encabeza Alfonso Rueda cae do limiar do 30% —cómpre lembrar que a intención directa de voto non representa a estimación final da enquisa—, cun 27,2%, só tres décimas máis que o BNG. No conxunto do país, a diferenza acrecéntase lixeiramente: 32,5% de persoas que xa teñen claro que votarán o PP por volta dun 27,2% que avanza o seu apoio ao BNG.

Estas cidades serían tamén nas que Sumar obtería o mellor resultado (3% en intención directa de voto) e onde o PSdeG recolle a segunda maior porcentaxe de apoios (16,2%), só superado por, curiosamente, os municipios máis pequenos, os de menos de 2.000 habitantes (16,8%). Pola súa parte, o BNG xa tería convencido até 29,1% das electoras e electores das cidades de entre 50.001 e 100.000 habitantes —Ferrol, Lugo, Pontevedra e Santiago—, a súa mellor marca en intención directa de voto.

 

As sete cidades decantan a balanza

Botando a vista atrás, os datos dos últimos procesos electorais desde 2005 mostran como unha maior abstención nas sete cidades da Galiza parece favorecer maioritariamente os intereses do Partido Popular... e viceversa. Comezando pola Coruña, o baixo rexistro de 2020 (56,9% de votantes), unha cita condicionada pola pandemia, deu aos populares o 46,1% dos votos, case oito puntos máis que en 2005 (38,7%), cando a participación ascendeu até o 65,1%. No caso da capital do país, Santiago de Compostela, a participación alcanzou en 2020 o 63,1% e o PP logrou 47,5% das papeletas, mentres en 2005 houbo 69,5% de votantes sobre o censo total e 44,8% sufraxios para os populares. E rematando coa circunscrición da Coruña, Ferrol rexistrou nas anteriores eleccións unha participación de 55,2% e 45,3% votos para o PP; en 2005 as cifras foran 61,3% e 42,5%, respectivamente.

En Lugo, a participación caeu a 57,25% en 2020, con 46,7% votos para o PP, fronte ao 41,4% de votos que obtivera en 2005 cunha participación de 69,7%. E na cidade de Ourense deuse un escenario moi semellante: os populares recolleron 45,8% dos sufraxios en 2020 cunha participación de 56,5%; en 2005, 68,7% de votantes e 39,9% de votos para o PP.

Ollando cara ás Rías Baixas, en Pontevedra votaron 58,7% das cidadás e cidadáns hai catro anos e o PP obtivo 43,4% dos votos; en 2005, 68,3% de votantes e 39,6% votos para os populares. E finalmente Vigo, porén, racha coa dinámica das outras seis cidades: unha participación de 57,1% en 2020 e 32,5% papeletas para o PP, e 64,1% electores e 37,8% sufraxios do PP en 2005

Con todo, da mesma forma que os grandes municipios resultaron imprescindíbeis para decantar a balanza cara o lado esquerdo en 2005, tamén o foron para mover os marcos á dereita catro anos despois, cunhas cifras de participación moi semellantes e mesmo superiores ás da cita que deu o poder a PSdeG e BNG pero aumentando os apoios ao PP: na Coruña, 43,5% papeletas para os populares (65,9% de participación); en Santiago, 46,8% de votos para o PP (71% de electores); en Ferrol, 41.3% (61,3%); en Pontevedra, 44,9% (71,2%); en Vigo, 41,9% (68,1%); en Lugo, 44,1% (70,7%), e en Ourense, 43,9% (73,3%).

Comentarios