CIS de xaneiro: o PSOE recupera o liderado fronte ao PP e o BNG mellora o resultado das últimas eleccións

En canto á valoración de líderes, ningún aproba: na cabeza aparece o socialista Pedro Sánchez cunha nota media de 4,42 puntos, superando pola mínima o 4,40 da súa vicepresidenta Yolanda Díaz, líder de Sumar.
Estimación de voto do CIS en xaneiro para as eleccións estatais. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Estimación de voto do CIS en xaneiro para as eleccións estatais. (Infografía: Nós Diario)

O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de xaneiro dá a volta ao panorama político dos dous últimos meses e sitúa de novo na cabeza o PSOE, cunha estimación de voto récord de 34% e sacando case dous puntos ao PP. Despois de liderar os barómetros de novembro e decembro, os populares caen case un punto en xaneiro e agora aparecen cunha estimación de voto de 32,1%, en segundo lugar. Pola súa parte, ollando cara a Galiza, o BNG garantiría a representación de novo cun dato de 0,7% tanto na intención directa de voto como na estimación que fai o CIS, unha décima por riba do 0,7% que logrou nos anteriores comicios.

A enquisa reflicte por primeira vez a ruptura da coalición de Sumar tras a saída de Podemos ao Grupo Mixto en decembro. Os de Yolanda Díaz baixan dous puntos, até o 9,7%, pero aínda así manteñen a terceira praza superando a Vox, que fica con 8,3% dos sufraxios. E Podemos, pola súa parte, reaparece por separado cunha estimación de voto de 2,7%. O estudo baséase en 4.016 entrevistas telefónicas realizadas en só catro días de xaneiro —do 2 ao 5 do presente mes— a cidadáns e cidadás residentes en 1.209 municipios de todo o Estado español. A marxe de erro é de, aproximadamente, 1,6%.

Se mañá mesmo houbese eleccións, a metade das persoas enquisadas xa teñen decidido votar os dous partidos maioritarios: un 24,7% ao PSOE e un 23,5% ao PP. Moi lonxe están os votantes xa decididos de Sumar (7,3%) e de Vox (6,1%). Ademais, hai un 15,4% que aínda non sabe a quen votaría, un 2,2% que prefire non contestar á pregunta e un 7,4% que se abstería.

Co conxunto do cuestionario e aplicando formúlalas dos sociólogos José Félix Tezanos —presidente do CIS— e Antonio Alaminos, a enquisa outorga ao PSOE unha estimación de voto de 34%, o que supón o seu mellor dato dos últimos anos: 2,2 puntos mellor que o mes anterior e máis de tres puntos por encima do seu resultado nas eleccións estatais de xullo.

A segunda praza é para o PP, cunha estimación de voto de 32,1%, un punto menos que en decembro e tamén por baixo do 33% co que Alberto Núñez Feixoo obtivo a primeira praza nas últimas eleccións estatais. En consecuencia, a diferenza entre os dous grandes partidos dá a volta e pasa de 1,4 puntos a favor do PP en decembro a 1,9 a favor dos socialistas en xaneiro.

Na terceira praza repite Sumar cunha estimación de voto de 9,7%, os que supón case dous puntos menos que o mes anterior, xa que esta vez Podemos computa por separado e marca un 2,7% no barómetro. Vox segue caendo nas enquisas do CIS e agora está en 8,3%, dúas décimas por baixo do dato de decembro, case dous puntos menos que en outubro e catro puntos por baixo do 12,4% co que foi terceiro en xullo.

Pondo o foco en Catalunya, Junts dá a volta ás últimas enquisas e agora logra imporse a ERC, cun apoio estimado de 1,5% fronte ao 1,4% dos republicanos, mentres que, en Euskal Herria, EH Bildu aparece cun 0,9% e o PNV, con 0,8%.

En canto á valoración de líderes, ningún aproba: na cabeza aparece o socialista Pedro Sánchez cunha nota media de 4,42 puntos, superando pola mínima o 4,40 da súa vicepresidenta Yolanda Díaz, líder de Sumar. A medalla de bronce é para Núñez Feixoo (4,16), mentres que Santiago Abascal (Vox) queda lonxe con 2,64 puntos. O CIS non pregunta pola secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra.

Ademais, Sánchez volve ser o político preferido para presidir o Goberno, con 30,4% fronte ao 16,65% de Feixoo e o 6% de Díaz. O presidente do Executivo español conta coa confianza dun terzo das enquisadas (35,7%) fronte a un 63,5% que teñen pouca ou ningunha confianza nel. Peores rexistros ofrece o líder da oposición, que aglutina a desconfianza de 73,5%, fronte a un 24,8% que teñen moita ou bastante confianza en Feixoo.

Comentarios