CIS de abril: a chegada de Feixoo a Madrid recorta a distancia entre PSOE e PP

Os populares ficarían no segundo posto a tres puntos dos socialistas, mentres o BNG subiría unha décima até 0,6%.
Feixoo, en comparecencia de prensa tras a súa entrevista con Pedro Sánches, o pasado día2. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa tras a súa entrevista con Pedro Sánchez, o pasado día 2. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou na mañá desta cuarta feira o barómetro de opinión correspondente ao presente mes de abril, o primeiro após o nomeamento de Alberto Núñez Feixoo como líder do PP no Estado español.

Con base nestes datos, o traslado a Madrid do aínda presidente da Xunta leva os populares a consolidarse como segunda forza máis votada recortando a distancia co PSOE, cunha estimación de voto de 27,2%, fronte a 30,3% dos socialistas.

Aliás, o CIS reflicte un retroceso de Vox tras cinco meses en alza. Deste modo, a formación de extrema dereita obtería 14,4% dos sufraxios, case dous puntos menos que no barómetro de marzo.

Na cuarta posición ficaría Unidas Podemos, con 10,7%, e o quinto posto sería para ERC, con 2,4%.

O BNG, pola súa parte, subiría unha décima a respecto de marzo, escalando até 0,6% dos votos, o que lle permitiría manter a acta de deputado que desde 2019 ostenta Néstor Rego.

Por outra parte, o CIS recolle tamén que 40,4% das persoas enquisadas a nivel estatal apoia a actuación do Executivo de Pedro Sánchez no que atinxe á guerra de Ucraína, sete décimas máis que en marzo.

Mais, con todo, baixa o apoio a unha hipotética intervención da OTAN, unha posición que recibe 45% de apoios.

Comentarios