Feixoo auséntase dos actos polo Día da Hispanidade

O presidente da Xunta escúdase na preparación do debate sobre o estado da nación para non asistir aos actos do 12 de outubro en Madrid
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento galego nunha imaxe de arquivo.
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento galego nunha imaxe de arquivo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, será un dos grandes ausentes nos actos que, este 12 de outubro celébranse en Madrid co gallo do Día da Hispanidade.

Segundo fontes do Goberno galego, o líder do Executivo decidiu quedar na Galiza para preparar o debate sobre o estado da nación, que arranca no Parlamento galego esta cuarta feira e se vai estender até a sexta, 15 de outubro.

O ano pasado o presidente galego si estivo presente no acto presidido polos reis e que, por primeira vez en décadas e como consecuencia da pandemia, non tivo desfile militar.

As celebracións polo Día da Hispanidade coinciden na mesma semana na que a Cámara galega acollerá o debate anual de política xeral.

Esta cita política, ademais, celébrase unha semana despois do falecemento do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, por mor dunha parada  cardiorrespiratoria cando se atopaba traballando no seu despacho de San Caetano. Tras iso, a Xunta de Galiza decretou tres días de loito oficial.

Outras ausencias

Porén, a de Feixoo non será a única ausencia destacada nos actos de Madrid.  Ao igual que o presidente galego, os seus homólogos de Catalunya, Pere Aragonés; Euskadi, Iñigo Urkullu, e de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, tampouco asistirán á cita.

As ausencias dos mandatarios de Cataluña e Euskadi nos actos do 12 de outubro son habituais. De feito, desde o  Govern avanzaron que non farán festa ese día e reunirán esta terza feira igualmente ao Consell  Executiu.

Page pola súa banda atópase en Bruxelas, onde asistirá este martes a unha votación de importancia para a súa Rexión, segundo explican fontes do Executivo de Castela-A Mancha.

Comentarios