O primeiro debate na era Covid sobre o estado da Galiza xa ten data: 13 e 15 de outubro

O debate sobre o estado da nación decorrerá no Parlamento galego de 13 a 15 de outubro.
O Parlamento da Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Pleno na Cámara galega, en imaxe de arquivo (Foto: Parlamento galego).

A Xunta de Portavoces do Parlamento galego, reunida este 21 de setembro no Hórreo, axendou de 13 a 15 de outubro a realización do primeiro debate sobre o estado da Galiza da actual lexislatura, que será tamén o primeiro desde a irrupción da pandemia no país. 

Será o noveno debate de política xeral do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e o primeiro para Ana Pontón como líder da oposición (sen contar a sesión de investidura do ano pasado). 

Sobre o debate, á saída da Xunta de Portavoces, o voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, asegurou que a "predisposición" dos populares para chegar a acordos "sempre é ampla", para a continuación soster que os consensos implican unha aproximación entre as forzas políticas. "E, como é natural, son as minorías as que teñen que aproximarse ás maiorías", sentenciou.

Nun contexto en que tanto o PSdeG como o BNG teñen procesos internos programados para este outono, Puy considerou que "cando os grupos da oposición están en procesos de reelección ou elección de líder hai unha saída fácil para resolver as posíbeis disputas internas, que é o inimigo exterior". 

En relación a este debate, a  viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, deixou claro que o Bloque "sempre ten a man tendida" para buscar o consenso. "Temos capacidade de diálogo, de consenso e de acordo cando as cousas serven de verdade para avanzar", sostivo. Tamén adiantou que a súa formación fará "unha radiografía" da situación en que se atopa Galiza despois de máis dunha década de Gobernos de Feixoo e mostrará que no BNG "hai unha alternativa" para facer "o país mellor e máis grande".

Pola súa banda, o  viceportavoz parlamentario do PSdeG, Pablo  Arangüena, destacou que os socialistas "están abertos a pactar todo o que sexa bo para Galiza" nun momento en que se xoga "moito". Aliás, lamentou que haxa unha "falta de aposta polo diálogo e a transparencia" por parte da Xunta. Así, criticou que aínda non se saiba cales son os 107 proxectos da Xunta con apoio da iniciativa privada que optarán a fondos europeos Next Generation e lembrou que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, remitiu unha carta a Feixoo para abordar as prioridades da Galiza en relación a estas partidas. "Constatada a falta de transparencia, estamos abertos a pactar todo o que sexa bo para Galiza", sostivo.

Comentarios