A CDU chama o eleitorado indeciso en Portugal a dar o último ‘passinho’ para vencer a dereita

O Bloco de Esquerda pula pola desobediencia “contra o abuso de poder e a inxustiza da Troika e a austeridade, o gran inimigo"

Mitin da CDU en Braga
photo_camera Mitin da CDU en Braga

A CDU afrontou o peche da campaña coas sondaxes ao seu favor. A coalición formada polo Partido Comunista Portugués (PCP), os Verdes e Intervención Democrática aspira a sumar un terceiro escaño aos dous cos que actualmente conta no Europarlamento. “Non confiemos nas sondaxes e que isto está no papo. Temos que continuar esta batalla”, afirmou esta quinta feira Jerónimo de Sousa, secretario xeral do PCP, segundo recolle o xornal luso ‘Público’.

“Queremos dirixir unha mensaxe ás moitas e moitos que tomaron a decisión de, por primeira vez, votar a CDU, a todos aqueles que están cansos de falsas promesas. A eses dámoslle a benvida á loita, pola construcción dun futuro mellor”, declarou pola súa banda o candidato europeo da CDU, João Ferreira.

Aliás, os comunistas portugueses fixeron un chamamento ao voto indeciso para que dé un ‘passinho’, en especial a aqueles desencantados coas políticas da dereita , dos socialdemócratas e dos “socialistas “aprehensivos”, en referencia aos votantes do Partido Socialista (PS).

"Aínda hoxe Seguro (líder do PS) afirmaba que son os únicos que poden derrotar ao Goberno. Estraña forma de derrotalo cando o mesmo PS chegou a acordos coa dereita”, arremeteu o secretario xeral do PCP, que aludiu ás políticas de austeridade apoiadas polos socialistas portugueses.

O Bloco carga contra a austeridade

No seu encerramento o Bloco de Esquerda pediu a exercer o voto en chave de desobediencia “contra o abuso de poder e a inxustiza da Troika e a austeridade, o gran inimigo”. A candidata Marisa Matias asegurou que o Bloco merece obter dous deputados antes que outros partidos porque “loita pola saúde, a educación e a cultura, que non son luxos, son dereitos”.

“O domingo imos desistir ou imos votar. Ou usamos a forza do voto para mudar as nosas vidas ou nos encollemos de ombreiros”, dixo a coordinadora do Bloco

“Escollemos como lema ‘De Pé’ porque queremos que este país se levante contra a austeridade, porque estamos fartos da posición común de Portugal ao longo dos anos: de xeonllos, postrados ante os intereses financeiros, ante os intereses alemáns, de xeonllos é como ten o Estado o Goberno actual”, dixo Matias.

O Bloco tampouco desaproveitou a ocasión para tentar sumar votos “dos que se sinten enganados”. Neste senso falou Catarina Martins, coordinadora do BE, avisando de que “o domingo imos desistir ou imos votar. Ou usamos a forza do voto para mudar as nosas vidas ou nos encollemos de ombreiros”.

Comentarios