Un desencontro máis co PPdeG

Casado dubida dos beneficios da fusión de municipios

O presidente do Partido Popular cre que "a cuestión non é fusionar municipios, senón ser máis eficientes no gasto" e rexeita a unión porque, "malia que é legal e pode facerse voluntariamente", "produce desarraigo". 
oo casado feixo agustion ana pastor imaxe do PP
photo_camera As relacións entre Feixoo e Casado non pasan polo seu mellor momento

Nos últimos meses, as diferenzas entre o Partido Popular de Madrid e o PPdeG téñense acentuado no que ten a ver coa análise dos últimos resultados electorais, as novas fórmulas para artellar plataformas de dereita nos diferentes territorios do Estado e mesmo a respecto da idoneidade de entregar a portavocía no Congreso a Álvarez de Toledo. Até a política lingüística da Xunta ten levantado suspicacias no aparato central. 

A última diverxencia fíxoa pública hoxe o presidente do Partido Popular, Pablo Casado, durante unha visita ao concello Las Navas del Marqués, en Ávila, recentemente afectado por unha inundación. Alí, Casado reiterou que o seu partido é inequivocamente "municipalista", pero rexeitou centrar o debate na fusión de concellos porque "esa non é a cuestión". Lembrou que esa unión "xa se pode facer porque así o estabelece a lexislación vixente sempre que sexa voluntariamente" e que a clave está en "ser máis eficientes no gasto".

"De nada serve fusionar municipios pequenos", engadiu, "que non teñen orzamento, cuxos concelleiros non cobran (como no 85% dos casos no Estado español) e cuxos servizos básicos son prestados polas deputacións, que son quen mellor mancomuna eses servizos". Polo tanto, asegurou, "ese aforro non se produciría coas fusións". Por contra, manifestou, "si se produciría desarraigo en persoas que viven en concellos con cemiterios onde están enterrados os seus pais, que teñen unha escola pequena na que queren que estuden os seus fillos, e mesmo o escudo do seu concello que as representa".

"O importante", sinalou, "é racionalizar o gasto, e nós cremos que hai que defender as deputacións e os concellos, e que non haxa duplicidades nin ineficacia". 

As declaracións de Pablo Casado chocan coa política desenvolvida polo goberno da Xunta desde a chegada de Feixoo á Xunta. Desde entón completouse a fusión de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade. Mesmo o Ministerio de Facenda, a través da súa revista Reala, ten recollido artigos nos que se cuestionan os beneficios destas fusións. 

Comentarios