Casado di, desde Madrid, que non se poden suspender as eleccións na Mariña e que é "máis seguro ir votar que tomar un café nun bar"

Defende a xestión de Núñez Feixoo e carga contra a oposición galega.

O presidente do PP, Pablo Casado (David Mudarra).
photo_camera O presidente do PP, Pablo Casado (David Mudarra).

O líder do PP, Pablo Casado, pediu "tranquilidade" esta segunda feira e chamou a exercer o voto na comarca da Mariña despois de que a Xunta decretase o seu confinamento durante cinco días por un brote de coronavirus. Segundo subliñou, é "máis seguro" ir votar o 12 de xullo a un colexio electoral, no que se cumprirán todas as medidas de seguridade, que tomar un café “nun bar concorrido".

Nunha entrevista en Antena 3, que recolleu Europa Press, Casado afirmou que Feixoo realizou unha xestión "moi eficaz" durante a pandemia e engadiu que, a diferenza do ocorrido a nivel estatal, na Galiza "cumpriuse o que recomendan os expertos", con prevención e escoitando as alertas; "protección" con medios e máscaras; e "intervención" con test masivos e "confinando a poboacións de risco".

Despois de que o BNG pida suspender as eleccións nesta comarca e os socialistas aseguren que Feixoo actuou tarde, Casado lanzou "unha mensaxe de tranquilidade". "É máis seguro ir votar a un colexio electoral no que se van a respectar as distancias e todo o mundo vai ir con protección, que ir por exemplo a tomar un café a un bar que estea máis concorrido", manifestou.

Dixo que na Galiza a oposición é un " mejunge de 10 partidos" e engadiu que o que ve é que "non vai gañar e tenta culpar Feixoo das medidas sanitarias, que nada ten que ver coas eleccións".

Comentarios