Carolina Bescansa acepta dar a batalla polo liderado de Podemos Galiza

"Unha candidatura aberta, plural e contando cos mellores", afirmou esta terza feira ao anunciar a decisión. Gómez-Reino convídaa a facer parte da súa “candidatura de unidade”

Dof3tCSW4AANg5l
photo_camera Imaxe: Nós TV

Carolina Bescansa acepta presentarse para competir polo liderato de Podemos Galiza. A cofundadora de Podemos e exlíder do partido anunciou esta terza feira a decisión, aceptando o convite que a  actual dirección de Podemos Galiza lle realizou este domingo.

Bescansa falou de construír unha “candidatura aberta, plural, sempre contando cos mellores e coas mellores”, afirmou, ao tempo que quixomanda “unha mensaxe” as persoas inscritas en Podemos e “xente que nos votou”: “Temos feito moito, e fica moito por facer”.

Ela dixo que lle ofreceron até en catro ocasións ao longo destes anos ser líder de Podemos Galiza e que non aceptou por ter outras responsabilidades mais que nas atuais circunstancias aposta en dar o si.

Antes da intervención de Carolina Bescansa ante os medios fíxoo, no mesmo lugar, Natalia Prieto, secretaria de Organización, que cargou con dureza contra Pablo Iglesias, á quen acusou de estar interferindo no proceso interno de Podemos Galiza. "Que deixen de presionarnos", dixo.

Así pois, xa hai dúas candidaturas en liza pola secretaría xeral galega de Podemos, a de Bescansa e a de Antom Gómez-Reino. O deputado de En Marea no Congreso español lanzou esta segunda feira un claro aviso a navegantes: “Galiza non pode ser o retiro dourado nin o plan b de ninguén”.

Gómez-Reino convida a Bescansa a unirse á súa “candidatura de unidade”

Gómez-Reino afirmou esta terza feira en Madrid, e antes de facer público Bescansa o seu si a presentarse para liderar Podemos Galiza, que “levamos unhas semanas traballando nun espazo de unidade e de encontro no que está a maior parte dos cargos públicos e orgánicos”.

Por iso, en declaracións recollidas por Europa Press, o parlamentar indicou que se Bescansa decide volver a Galiza para implicarse "por primeira vez" na política galega, a súa candidatura de unidade procurará integrala, mais advertiulle de que non opte por "rachar a unidade".

Comentarios