Carmen Iglesias incorpórase ao grupo mixto

A deputada ourensá asegura que "non soporto máis a situación" dentro da coligación entre Anova e EU, formación en que militaba e que esta fin de semana aprobou por unanimidade a súa expulsión. 

Carmen Iglesias [Imaxe: SG]
photo_camera Carmen Iglesias [Imaxe: SG]


A deputada de AGE Carmen Iglesias anunciou esta segunda feira que vai deixar a formación para pedir o seu ingreso no Grupo Mixto, que constituirá en solitario. A ourensá tomou esta decisión porque "non podo soportar máis" na coligación de Anova e Esquerda Unida, o partido en que militaba e que esta fin de semana aprobou por unanimidade a súa expulsión

A ourensá decidira agardar ao 3 de febreiro, cando tiña a primeira reunión co conxunto do grupo parlamentar, para decidir se quedaban ou marchaba. Finalmente escolleu ingresar no Grupo Mixto porque a xuntanza "foi a pinga que fixo rebordar o vaso". Contou a Sermos Galiza que esta fin de semana a coligación organizou un acto en Ourense ao cal asistiron representantes de Anova e de EU "e a deputada de Ourense --en referencia a si propia-- enterouse pola imprensa". 

"Estiven a traballar e o meu traballo non chegaba a ningures"

Malia que a expulsión da organización xa a coñecía, Iglesias argumentou que o que lle "doeu" foi "a linguaxe durísima" con que se sentiu "publicamente machacada" e quixo destacar que "eu non son ningunha mártir". Ao lle preguntar se seguirá a apoiar o traballo que AGE faga na Cámara, a deputada respondeu que "depende de se me gusta ou non, porque hai moitas cousas con que non concordo nin con Anova nin con EU" e considera que a súa saída das bancadas da coligación "beneficia a todos porque todos estaremos moito máis cómodos". 

Carmen Iglesias, quen tomou posesión da acta no mes de decembro após marchar David Fernández Calviño, afirmou que "estiven a traballar" malia que "o meu traballo non chegou a ningures". Así, explicou que ten xa tres iniciativas preparadas para remitir á mesa do Parlamento: para esixir a derrogación da Lei de Familia e a modificación completa da Lei de Protección da Muller Embarazada --ambas impulsadas polo grupo ultraconservador Red Madre-- e unha pregunta a respeito das irregularidades que a Xunta pudera ter cometido na adxudicación do posto de dirección na casa de acollida a mulleres en situación de violencia machista. "O que máis me motiva é que vou ter, en cada pleno, tres minutos para falar", subliña. 

Iglesias, quen xa deixara claro que "eu non preciso AGE para estar no Parlamento", non marcha soa. Canda ela leva a asignación mensal que corresponde a cada grupo parlamentar, 9.971 euros; outros 1.837 euros que ingresa cada grupo por representante eleit@; e 5.898 máis por contratación de persoal. Así que Alternativa perde unha deputada e uns 62.400 euros en toda a lexislatura. 

Comentarios