Carme da Silva pide as comparecencias de Adif e de Renfe pola paralización ferroviaria na Coruña

A senadora do BNG presentou unha batería de preguntas ao Ministerio de Transportes, dirixido por Óscar Puente, na cal pide explicacións sobre o problema de falta de subministración eléctrica na estación coruñesa que impediu a saída e chegada de trens durante toda a mañá da quinta feira e tivo consecuencias no tráfico ferroviario na Galiza.
A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).
photo_camera A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).

A senadora do BNG, Carme da Silva, solicitou as comparecencias do Presidente de Adif e do Presidente de Renfe, para que acudan a sede parlamentar a informar sobre a incidencia técnica e falta de subministración eléctrica na estación de San Cristovo (A Coruña) na mañá desta quinta feira que paralizou a circulación de trens con orixe e destino A Coruña e afectou o tráfico ferroviario en todo o país. Unhas iniciativas que tamén rexistrou o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego.

Ademais, a senadora do BNG presentou unha batería de preguntas ao Ministerio de Transportes, dirixido por Óscar Puente, na cal pide explicacións sobre o problema de falta de subministración eléctrica na estación coruñesa que impediu a saída e chegada de trens durante toda a mañá da quinta feira e tivo consecuencias no tráfico ferroviario na Galiza. Da Silva pregunta ao Ministerio se vai exixir responsabilidades á compañía eléctrica Fenosa por esta incidencia.

"Mellorar a xestión"

En canto a Renfe, a senadora do BNG repróchalle a usual falta de información adecuada e coherente ás persoas afectadas. Quere saber cal foi o dispositivo informativo que levou a cabo desde que tivo coñecemento da avaría, a que hora informou ás persoas afectadas e aliás, pide explicacións por ter emitido unha información ambigua.

Ademais, inquire a Renfe sobre o plan de transporte alternativo para coñecer a que hora o dispuxo e se garantiu desde o primeiro momento ás persoas afectadas a mobilidade para chegar aos seus destinos. A senadora do BNG critica a “parsimonia” de Renfe e Adif á hora de facer fronte a este tipo de situacións que “como sabemos xa son habituais e frecuentes na Galiza. Dado que é habitual que se produzan problemas nos servizos ferroviarios, porque non se habilita de inmediato un Plan Alternativo así como unha canle de información en tempo real?”.

Prioridade

“Non é posíbel que se faga unha xestión mellor diante de incidencias deste tipo? Vai o Ministerio adoptar medidas para que os galegos e as galegas teñan garantida a mobilidade ferroviaria diaria sen ter que estar con sustos diarios? Vai asegurar que a poboación galega poida ter a seguranza de acudir ás estacións de tren sen estrés, coa tranquilidade de que vai poder chegar a tempo aos traballos, aos estudos ou a unha xestión?”, aseverou Da Silva que apela a Óscar Puente a priorizar os problemas nos servizos ferroviarios na Galiza a fin de garantir un “transporte de calidade”.

Comentarios