Borja San Ramón e Gonzalo Busqué disputarán o liderado de Podemos Galicia

As primarias de Podemos Galicia que se encontran en pleno proceso interno de campaña resolveranse a mediados do mes de decembro
Borja San Ramón, un dos candidatos a liderar Podemos Galicia (Foto: Podemos Galicia).
photo_camera Borja San Ramón, un dos candidatos a liderar Podemos Galicia (Foto: Podemos Galicia).

As primarias de Podemos Galicia, que se encontra en pleno proceso interno de campaña, resolveranse a mediados do mes de decembro entre dous candidatos a coordinador da formación na Galiza, tras revisarse os avais e decaer unha candidata que non reunira os apoios para presentarse.

Así, por unha parte, Borja San Ramón preséntase baixo o liderado de 'Tecer Galicia'. San Ramón foi até o de agora o número dous de Antón Gómez-Reino e tamén candidato á Alcaldía de Ferrol.

Coa súa candidatura, aspira a "dar o impulso para que a formación se poida recompor nas institucións na Galiza nas próximas municipais, a primeira cita á que se enfrontaría".

En fronte, unha lista encabezada por Gonzalo Busqué Lorenzo, baixo a denominación ‘Rexurdir Galicia’, na cal se aglutinan nomes que estiveron situados en contra da dirección actual.

Busqué acusa a dirección actual da formación de levar á organización ao "ostracismo político" nuns anos marcados polas candidaturas de confluencia.

As votacións

A militancia está chamada a renovar a formación en votacións entre o 8 e o 14 de decembro.

Entre medias, o sábado 10, está previsto un acto asembleario presencial que servirá para presentar os candidatos e os seus documentos políticos, que se coñecerán en próximos días (tanto a liña política como a organizativa).

Comentarios