Podemos Galicia inicia unhas primarias convulsas con dúas listas alternativas a Gómez-Reino

O actual secretario xeral optará á reelección fronte ás candidaturas de 'Rexurdir Podemos' e 'Renova Podemos'.
Antón Gómez-Reino, portavoz de Galicia en Común. (Foto: Álvaro Ballesteros)
photo_camera Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia. (Foto: Álvaro Ballesteros)

A militancia de Podemos Galicia está chamada a votar nas primarias para renovar a dirección do partido morado na Galiza entre o 8 e o 14 de decembro deste ano. Esta mesma segunda feira Podemos Galicia difundiu o calendario do proceso interno, cuxo prazo para a elaboración de documentos e a preinscrición de candidaturas xa quedou aberto, e antes de finais de novembro fecharanse as candidaturas e o censo.

A formación morada tamén renovará perante este proceso o seu máximo órgano de decisión, o Comité Cidadán Autonómico, o coordinador autonómico e o comité de garantías.

As votacións están previstas para a segunda semana de decembro. Após unha campaña que durará seis días, arrincarán o día 8 e concluirán o 14. Un día máis tarde publicaranse os resultados do proceso, convocado logo  de que o mandato da actual dirección que encabeza o deputado Antón Gómez-Reino caducase este outono ao facer catro anos a súa elección.

Está previsto que Gómez-Reino presente a súa candidatura á reelección, mais non será o único. Até o momento, alén do deputado no Congreso, avanzaron a súa vontade de presentarse ao proceso dous grupos de militantes, bautizados como 'Rexurdir Podemos' e 'Renova Podemos', respectivamente.

Rexurdir Podemos

A primeira das candidaturas, 'Rexurdir', está formado por unhas 70 persoas de distintos puntos do país que comezaron a traballar xuntas após as eleccións galegas de 2020, nas que a coalición Galicia En Común, encabezada por Gómez-Reino, non logrou representación. Consideran que o deputado no Congreso —que ligara o seu futuro en Madrid ao resultado das eleccións galegas— debeu dimitir entón do seu cargo polo "fracaso" nas urnas, dixo o portavoz do movemento, Gonzalo Busqué.

Desde entón, segundo apunta Busqué, este grupo cre que o liderado de Gómez-Reino levou "á desaparición" a Podemos Galicia porque o seu máximo responsábel "non está no día a día" da organización, o que levou a unha "desactivación" da militancia, como evidencia que "só existan 65 círculos activos" nunha comunidade onde hai "un 30% menos" de inscritos que na media do Estado.

Renova Podemos

Pola súa parte, esta fin de semana militantes críticos tanto con Gómez-Reino como coa lista alternativa de 'Rexurdir' avanzaron a presentación dunha terceira candidatura, 'Renova', que contaría cunha portavocía 'bicefálica' formada por Emilio Rocha 'Milucho' e Sara Suárez.

"É o momento de dar voz a todas as sensibilidades e correntes tanto dentro do proxecto de Podemos como daquelas asociacións e colectivos que tocan á porta dos distintos partidos políticos e que seguen desatendidas", manifestaron desde este movemento.

Comentarios