A candidatura Rexurdir denuncia "manipulación" nas primarias de Podemos Galicia

Rexurdir Podemos Galicia, unha das candidaturas que concorren as primarias da formación violeta, denunciou esta segunda feira "a manipulación" do proceso de renovación da dirección galega por parte da lista continuista Tecer Galicia.
O candidato ás primarias de Podemos Galicia, Gonzalo Busqué (Foto: Nós Diario).
photo_camera O candidato ás primarias de Podemos Galicia, Gonzalo Busqué (Foto: Nós Diario).

Rexurdir Podemos Galicia, unha das candidaturas que concorren as primarias da formación violeta, denunciou esta segunda feira "a manipulación" do proceso de renovación da dirección galega por parte da lista continuista Tecer Galicia, liderada polo secretario de Organización, o ferrolán Borja San Ramón, e que leva ao antigo secretario xeral, Antón Gómez-Reino, no terceiro posto.

Nun comunicado, a candidatura dirixida por Gonzalo Busqué asegura que "desde o inicio do proceso (...) ocultouse á militancia o inicio da campaña de avais" e "non enviaron os correos" coa ligazón para votación, cun "claro prexuízo" para o resto de listas, ás que condenaban "á invisibilidade".

Aínda que esta circunstancia "corrixiuse cunha denuncia" ante a dirección estatal da formación, a candidatura Rexurdir tamén insistiu en que San Ramón, na súa condición de secretario de Organización de Podemos Galicia, manexa as redes do partido e emprega a membros da Comisión Técnica e Electoral "no seu favor".

Ademais, considerou en que a candidatura de Borja San Ramón "representa unha continuidade no proceso de degradación da vida orgánica" que levou á formación violeta "ao ostracismo político". O candidato ás primarias de Podemos Galicia tamén afeou a Gómez-Reino, do que dixo que "parece" que quere "seguir tecendo o desastre" desde o número tres da lista Tecer Galicia ao Consello Cidadán.

Por todo isto, Busqué fixo un chamamento "á militancia": "Para que coa súa acción cívica e responsábel nos axude a poñer fin a unha realidade na que non é posíbel recoñecer o Podemos que todos queremos recuperar, o Podemos co espírito daquel 15M que nos trouxo até aquí".

Proceso de primarias

A militancia de Podemos Galicia está chamada a votar nas primarias para renovar a dirección do partido morado na Galiza entre o 8 e o 14 de decembro deste ano. A formación morada tamén renovará perante este proceso o seu máximo órgano de decisión, o Comité Cidadán Autonómico, o coordinador autonómico e o comité de garantías.

As votacións están previstas para a segunda semana de decembro. Após unha campaña que durará seis días, arrincarán o día 8 e concluirán o 14. Un día máis tarde publicaranse os resultados do proceso, convocado despois de que o mandato da actual dirección que encabeza o deputado no Congreso do Estado español, Antón Gómez-Reino, caducase este outono ao facer catro anos da súa elección.

Ademais das candidaturas lideradas por Busqué e San Ramón, unha terceira candidatura concorrerá a estas primarias co nome de Renova Podemos. Esta lista contará cunha portavocía 'bicefálica' formada por Emilio Rocha 'Milucho' e Sara Suárez.

Comentarios