18-F

Calvo, Candia e Rivo acompañan Rueda como cabezas de cartel do PP

A empresaria viguesa Patricia García acompañará o presidente da Xunta como número dous por Pontevedra.
Ángeles Vázquez, Diego Calvo e Alfonso Rueda, no último pleno antes do anuncio da convocatoria electoral. (Foto: Arxina)
photo_camera Ángeles Vázquez, Diego Calvo e Alfonso Rueda, no último pleno antes do anuncio da convocatoria electoral. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, encabezará a lista do PP pola súa circunscrición, Pontevedra, para as eleccións ao Parlamento da Galiza do próximo 18 de febreiro, e levará como número dous a empresaria viguesa Patricia García. Así o ratificaron fontes do partido citadas por Europa Press que tamén confirmaron que o vicepresidente primeiro do Goberno galego e líder provincial dos populares coruñeses, Diego Calvo, encabezará a candidatura pola Coruña.

A entrada de Patricia García na lista pontevedresa é, até o momento, unha das principais novidades que transcendeu das candidaturas populares. Licenciada en Filoloxía Inglesa, fundou en 1999 o grupo empresarial Femxa e é integrante da executiva do PP en Vigo.

E na Coruña, canda Diego Calvo estarán tamén varios conselleiros do Executivo orixinarios de localidades desta cirfcunscrición, entre eles a vicepresidenta segunda e responsábel de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Posto de saída terá tamén a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado.

Do mesmo modo, para encabezar as listas de Lugo e Ourense perfílanse a presidenta provincial do partido, Elena Candia, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, respectivamente. A intención dos populares galegos, con Alfonso Rueda á cabeza, é continuar co modelo de integrar os conselleiros e conselleiras en postos destacados das candidaturas ás urnas.

O propio Rueda defendeu na pasada xornada o labor de "todos e cada un" dos integrantes do Consello da Xunta, e confirmou a súa intención de someter a súa xestión á avaliación da cidadanía incluíndoos nas listas do 18-F. Os populares prevén presentar as cabezas de lista aos comicios nun acto que terá lugar este sábado en Santiago.

Comentarios