18-F

Calcomanías e camisetas súmanse ao clásico bolígrafo na mercadotecnia electoral

Sumar optou por distribuír merchandising, pero repartiu autocolantes no Sumar Queer Fest

Mercadotecnia de BNG, PP e PSdeG. (Foto: Europa Press)
photo_camera Mercadotecnia de BNG, PP e PSdeG. (Foto: Europa Press)

A sustentabilidade e a ironía son dous dos elementos que se coaron na mercadotecnia dos partidos políticos no marco da campaña electoral para o próximo 18 de febreiro, marcada por unha carreira cara ás urnas que coincide en plenas festas de entroido na que, ademais das mensaxes e o reparto de 'agasallos', coouse algún disfrace.

O PSdeG é, á vista das comprobacións nos mitins, o partido que conta cunha gama máis variada de obxectos no que vai de campaña. Desde bolsas de tea sostíbeis (co lema de campaña 'Desta Vai') até suadoiros polares de inverno xunto a paraugas de cor vermello socialista para unha carreira cara ás urnas que empezou con anticiclón pero que xa superou unha borrasca como Karlotta que deixou ventos de máis de 200 km/h. Este artigo tan 'prezado' na Galiza no inverno tamén forma parte dos produtos que distribúe o PP, no seu caso, de plástico transparente.

Aínda que non faltan os clásicos bolígrafos (algúns mesmo con varias opcións de cores) e chisqueiros, como así puideron observar as caravanas do PP e do PSOE, unha das novidades é o caderno de colorear coas medidas do programa electoral dos populares galegos en materia de familia, acompañadas, iso si, por pinturas para poder entreter aos máis pequenos e pequenas da casa.

Pero esta campaña foi máis aló e tamén estiveron presentes as barras de cacao para os beizos para soportar o vento frío do inverno e, en materia de coidado do medio ambiente, tanto PSOE como PP distribuíron porta bolsas para cacas de can: uns vermellos, outros azuis.

O PP tamén repartiu pulseiras, e pastilleiros e chapas co símbolo do seu candidato, Alfonso Rueda, cuxo apelido deu lugar a varios xogos de palabras baixo o lema de que a ‘Galiza funciona' e 'roda' cara a adiante.

Calcomanías e estampas

Entre os principais partidos políticos, tamén irrompen con forza os adhesivos. Da 'icona' pop da candidata do BNG, Ana Pontón (convertida tamén en autocolante), para quen Rei Zenzolo deseñou unha camiseta propia co lema 'Do País' que xa se pode comprar na súa web "por petición popular", a un Besteiro convertido en “estampa” do santoral, a quen as mocidades socialistas encoméndanse para superar o curso: 'Ora ao Besteiro para que che saque ou curso enteiro'.

Mentres que Sumar optou por non distribuír 'merchandising' (aínda que no Sumar Queer Fest repartíronse algunhas tatuaxes temporais da campaña do 23-X de Yolanda Díaz), a organización xuvenil vinculada ao BNG, Galiza Nova, opta pola 'ironía' e repartiu calcomanías coa palabra 'Bildugá', 'Nacionalista, lista, guapa', 'BNGAI' e unha máis dun 'peliqueiro' con chapeu da bandeira da patria.

Xuventudes Socialistas deseñou unha serie de adhesivos nas que se poden ler frases pronunciadas polo candidato José Ramón Gómez Besteiro como 'Queres kives?' (unha pregunta coa que o lucense daba resposta ao 'gústame a froita' de Isabel Díaz Ayuso). Tamén recuperou o famoso deseño da bandeira do 'Nunca Máis', pero neste caso as letras están formadas por bólas de plástico en referencia á crise dos pellets e outro adhesivo no que se apropia do escudo coa frase de Castelao 'Denantes Mortos que Escravos', con lemas como 'sanidade pública', 'xustiza social' e 'dereitos LGTBI'.

Comentarios