As normas parlamentares teñen estas cousas. As cuestións que se levan a pleno deben ser formuladas e rexistradas con semanas de antelación. Estoupa unha crise e as portavoces vense facendo xogos malabares para introducir as súas posicións no debate. O Goberno leva vantaxe. Define o marco a través dos medios afíns (que neste país son case todos) e estabelece os tempos. Con todo, desta volta a crise colleu o PP despistado. Non soubo calibrar as dimensións do malestar da comarca de Verín e parece que pensa tratar o problema como trata este Goberno calquera problema: mentiras, días e paciencia, que xa cansarán.
O día que o portavoz do PSOE Gonzalo Caballero empezaba a voar só e puxo unha garabata vermella afiada e moi institucional, a dinámica parlamentaria estivo a piques de deixalo fóra de foco. Case... porque Caballero empeza a medrar, timidamente, e reaccionou para converter unha crítica á política industrial da Xunta nun ataque a Feixoo pola súa falta de "coraxe" para enfrontar ás veciñas e veciños de Verín.
Caballero empeza a medrar, timidamente, e reaccionou para converter unha crítica á política industrial da Xunta nun ataque a Feixoo pola súa falta de "coraxe" para enfrontar ás veciñas e veciños de Verín.
Caballero, con Luis Álvarez á súa esquerda no escano que antes ocupaba Leiceaga (agora estratega principal do socialismo galego con asento no Senado), cualificou Feixoo de "insolente" por atreverse a aconsellar o líder da oposición estar "caladiño" en materia de política industrial, sendo como é un socialista herdeiro da reconversión dos oitenta.
A bancada popular protestou e Caballero soubo por fin colocalos no seu sitio (é dicir, fóra do Parlamento): "Están nerviosos porque a metade vese en risco de non repetir".
Pouco máis que fogos de artificio nun combate (Feixoo-Caballero) que non era o que pedía o día.
Na ruleta das normas parlamentares saiu gañando o Bloque. Tiña Ana Pontón rexistrada unha pregunta sobre Verín, porque Verín, o hospital comarcal, leva meses sufrindo retallos. E os retallos matan, como lembrou a líder nacionalista, que pareceu querer tocar un corazón, o de Feixoo, que só se conmove cando se autoproclama campión na defensa de Galiza. "Gustaríalle que esa muller e ese fillo que teñen a asistencia sanitaria a 60 minutos de Verín foran a súa compañeira e o seu fillo?", preguntou Pontón.
Unha decisión técnica
A resposta do presidente foi a mesma que leva días dando o conselleiro, que no seu escano, diante xusto de Pontón, agochaba a cabeza -esa que pende do fío-. É unha decisión técnica da que emana unha advertencia sobre a seguridade das nais e dos neonatos. "Non llo di o PP, están a dicilo 44 profesionais dos servizos afectados da área de Ourense, empezando polo xefe de xinecoloxía", contestou Feixoo. "É unha decisión exclusivamente sanitaria", insistiu.
"Non o creo", retou Pontón. "E se así é, suprima a Consellaría, se non toma decisións políticas, suprímaa". E o conselleiro, Vázquez Almuiña, alí diante, con frío no pescozo.
"Non o creo", retou Pontón. "E se así é, suprima a Consellaría, se non toma decisións políticas, suprímaa". E o conselleiro, Vázquez Almuiña, alí diante, con frío no pescozo.
Feixoo non o defendeu. Protexeuse nas médicas e médicos que aconsellan fechar o paridoiro en Verín nun escrito que parece feito ad hoc -as crises é o que teñen, xorden e non dá tempo a preparar o terreo-, mais deixou o conselleiro en campo descuberto -as crises son así, ás veces cómpre entregar cabezas para frealas-. "Non sexa covarde", recriminou Pontón ao presidente. "Non poña en risco a saúde e os dereitos das nais e das nenas e nenos", esixiulle.
Fóra do Parlamento, alí onde se libra a batalla política estes días, a que ameaza con rebentar a estratexia de xestión do PP (mentiras, días e paciencia) porque a xente vai perdendo a paciencia e mira e non ve por ningures os resultados da "lexislatura do rural", mesmo o PP de Baltar ten que ir poñéndose de parte da xente e pide un xesto enérxico, rápido e eficaz. Caerá.