Caballero pon o foco nas luces ante as críticas pola falta de solucións ao problema das 'infravivenda'

O acto de aceso da iluminación do Nadal de Vigo terá lugar finalmente o 24 de novembro ás 20.30 horas.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero (no centro), no acto de prendido do alumeado de Nadal do pasado ano. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero (no centro), no acto de prendido do alumeado de Nadal do pasado ano. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou esta quinta feira que o acto de aceso da iluminación do Nadal na cidade terá lugar finalmente o 24 de novembro ás 20.30 horas, momento en que se acenderá "o Nadal de todo o planeta".

Caballero desvía así a atención sobre as críticas recibidas esta cuarta feira, cando a veciñanza dos edificios de Vigo desaloxados e onde apareceu o corpo sen vida dun home denunciou a situación "invivíbel" que sufría no interior dos inmóbeis, unha circunstancia da que culparon o Goberno local e en concreto o alcalde vigués, así como a Xunta da Galiza.

"Para as luces está, mais para isto non. Por que non dá a cara? Aquí hai moitas familias e estamos na rúa", criticou a veciñanza. Todo isto logo de que o pasado 19 de outubro o Concello ordenara aos propietarios dos edificios número 11 e 13 da rúa Fisterra proceder ao "seu inmediato desaloxo" polo "deficiente estado" da súa instalación eléctrica, para que solucionasen a "situación de perigo", xa que no mesmo estaban alugadas unhas 46 persoas.

"Cantas persoas máis teñen que 'malmorrer' na mellor cidade para vivir para que a Xunta e o Concello actúen?", cuestionou esta cuarta feira o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que urxiu despregar unha "enérxica" política de vivenda pública e de atención social fronte ás situacións de vulnerabilidade.

Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, explicou que se puxo a disposición das persoas despexadas un aloxamento alternativo. Tamén se estabeleceu un servizo de consigna dos seus avíos e outro servizo de garda e custodia das súas mascotas até que poidan acceder a unha residencia de carácter definitivo.

Unhas medidas que, segundo a Federación REDE (Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), chegan tarde. "O Concello ten que acreditar que non incorreu en desidia ou neglixencia desde que comprobou en 2015 que os edificios non estaban en condicións para albergar inquilinos, aspecto que non cambiou a pesar de informes posteriores", sinalou.

Porén, Caballero ficou alleo a está problemática durante a súa visita a Porta do Sol, onde se centrou en falar dos traballos de instalación do gran abeto luminoso que, este ano, alcanzará os 44 metros de altura. Dita intervención, comezará esta mesma quinta feira en medio da controversia.

"A árbore máis importante do mundo é a de Vigo", presumiu o rexedor, que explicou que a estrutura contará cunha gran estrela na súa cúspide, cunha lonxitude total de 19 metros. A gran árbore do Nadal de Vigo contará con xogos de luces e música, e sumarase aos outros miles de motivos ornamentais que lucirán nas rúas da cidade.

"Imos ter algo marabilloso, nunca ninguén no planeta o fixo e nunca ninguén vai ser capaz de facelo", proclamou, e engadiu que outras cidades poden tentar "copiar" o Nadal da cidade, mais sempre serán "aproximacións". "Pode haber competidores, mais sempre son o número dous", concluíu.

Abel Caballero explicou que o acto de aceso farase o 24, aínda que inicialmente apuntara o 23, porque "moita xente" lle advertiu de que as crianzas non poderían quedarse até tarde se ao día seguinte tiñan clase. "E tiñan razón. Esta é a importancia de facer un Nadal dialogado", afirmou.

Finalmente, o rexedor sinalou que as luces permanecerán acendidas até xaneiro, aínda que non concretou o día, e que se instalará, como cada ano, un reloxo cunha conta atrás coas horas e segundos que faltan para o aceso, porque "os segundos que faltan non os decide Roma, decídeos Vigo".

Comentarios