O BNG urxe solucións ás 'infravivendas': "Cantas persoas máis teñen que malmorrer en Vigo para que Xunta e Concello actúen?"

"O momento de actuar é agora, para que a morte que hoxe lamentamos sexa a derradeira", alerta o voceiro nacionalista, Xabier Pérez Igrexas.
A Policía Local, no desafiuzamento desta mañá na rúa Fisterra de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera A Policía Local, no desafiuzamento desta mañá na rúa Fisterra de Vigo. (Foto: Europa Press)

O BNG de Vigo lamentou esta cuarta feira, após transcender a noticia, a aparición dunha persoa morta a primeira hora durante o desaloxo forzoso de dous inmóbeis na rúa Fisterra, "a décimo terceira empobrecida que faleceu en Vigo durante o último ano en infravivendas ou na rúa", precisaron. O home tiña uns 53 anos de idade, segundo puido saber Nós Diario, e levaba "un tempo enfermo e con mala cara", afirmaron os veciños en declaracións aos medios.

"Cantas persoas máis teñen que malmorrer na mellor cidade para vivir para que Xunta da Galiza e Concello de Vigo actúen?", cuestionou o portavoz municipal do Bloque, Xabier Pérez Igrexas, que sinalou ambas as administracións como responsábeis por "acción e omisión". "Esta situación, xunto ao tráxico incendio na rúa Afonso X, volve deixar en evidencia a falla de respostas dos gobernos galego e local fronte ao gravísimo problema de acceso social á vivenda e fronte ás situacións de vulnerabilidade na maior cidade de Galiza", criticou.

Pérez Igrexas fixo tamén fincapé en que estas trece persoas faleceron no último ano sen teren unha vivenda digna, "nunha urbe con máis de 20.000 pisos baleiros". Estes problemas, dixo, "poden e debe ter solucións", algo que o BNG xa defendera cunha moción no último pleno do Concello de Vigo, "rexeitada polo PSOE de Abel Caballero e o PP de Marta Fernández-Tapias".

Unha moción na que, entre outras medidas, a fronte nacionalista urxía dotar a cidade dun parque de vivenda pública con alternativas habitacionais "dignas e estábeis" para as persoas empobrecidas, así como reforzar a atención social nunha cidade con "máis de 60.000 persoas" en risco de exclusión e pobreza, segundo o índice Arope.

Sobre as persoas desafiuzadas, o voceiro do Bloque afirmou que "merecen de moito máis que unha cama no albergue ou apenas dunha habitación de hostal por uns poucos días ou semanas", en referencia á actuación do Concello de Vigo nas rúas Fisterra e Afonso X. Nese sentido, Igrexas asegurou que "o momento de actuar é agora, para que a morte que hoxe lamentamos sexa a derradeira".

Comentarios