O efecto Pedro Sánchez, o recordo das dúas lexislaturas en que Bugallo gobernou en coalición co Bloque e o apoio dos medios de comunicación locais propulsaron a súa candidatura. O BNG tamén subiu, case tres puntos porcentuais, pero quedou cos mesmos dous edís: serán Goretti Sanmartín e Navia Rivas.
O PP de Agustín Hernández resistiu mellor do que lle agoiraban algúns prognósticos e, con 8 concelleiros, mantivo a segunda posición na capital de Galiza. As forzas de esquerda e nacionalistas suman en total 17 edís, fronte aos 8 do Partido Popular. Pero o espazo das chamadas confluencias perde unha das súas prazas máis emblemáticas e Noriega, un dos seus activos máis coñecidos, sofre un duro revés.