A Eurocámara pide axilizar a concesión de permisos de plantas de enerxía renovábel

Os eurodeputados engadiron disposicións para asegurar a consulta á poboación antes de elixir o lugar para instalar unha planta e para designar as zonas de aceleración.
O incremento dos prezos da enerxía levaron moitas familias, industrias e institucións a apostar en sistemas de autoconsumo (Foto: Europa Press).
photo_camera O incremento dos prezos da enerxía levaron moitas familias, industrias e institucións a apostar en sistemas de autoconsumo (Foto: Europa Press).

O Pleno do Parlamento Europeo instou a Comisión Europea (CE) a acelerar os procedementos necesarios para obter permisos para plantas de produción de renovábeis, tales como paneis solares e aeroxeradores, ou adaptar as xa existentes.

En concreto, a Eurocámara pediu acurtar de 12 a 9 meses o procedemento de autorización de novas instalacións de enerxía renovábel, así como para reformar as xa existentes, se se sitúan nas chamadas 'áreas de aceleración', que cada Estado deberá determinar en función da súa capacidade para avanzar nese ámbito, unha medida da cal foi relator o eurodeputado galego socialista Nicolás González Casares.

Deste modo, se a autoridade competente non responde no prazo estabelecido, o permiso considerarase concedido, en aplicación do principio de 'silencio administrativo positivo', como propoñen os eurodeputados nas súas emendas á proposta da Comisión Europea.

Fóra desas zonas, o procedemento non poderá levar máis de 18 meses, no canto dos 24 meses da proposta inicial, e en canto á adaptación das plantas existentes para aumentar a súa potencia, os eurodeputados queren que a concesión de permisos non tarde máis de seis meses.

Con todo, os Estados membro deberán reducir ao máximo o impacto ambiental á hora de designar as zonas de aceleración de renovábeis, das que quedarán excluídos os lugares da rede Natura 2000, os parques e reservas naturais, así como os roteiros migratorios de aves e mamíferos mariños, excepto as superficies artificiais e construídas, como tellados, aparcamentos ou infraestruturas de transporte.

Ademais, os eurodeputados engadiron disposicións para asegurar a consulta á poboación antes de elixir o lugar para instalar unha planta e para designar as zonas de aceleración.

Prazo de tres meses

A proposta tamén inclúe a obriga de que os países da Unión Europea (UE) garantan que os permisos para instalar equipos de enerxía solar en edificios se entreguen nun prazo de tres meses, mentres que bastará coa notificación para as instalacións por baixo de 50 quilowatts (kW).

Pola súa parte, a instalación de equipos solares ficará exenta da obriga de avaliación de impacto ambiental previa, segundo decidiron os eurodeputados.

Así mesmo, para aumentar o ‘mix’ de enerxía renovábel á rede, os eurodeputados tamén incorporaron elementos dunha recente proposta da Comisión presentada no marco do procedemento de urxencia, o que permitirá que a maioría das disposicións entren en vigor xa en 2023.

Comentarios