Dimite en bloque o Consello Asesor do Museo de Pontevedra após a remuda "unilateral" na dirección por parte da Deputación

O novo Goberno da Deputación, de novo en mans do PP, acordou cesar o director, José Manuel Rey, e substituílo por Ángeles Tilve Jar, unha decisión que os sete asesores consideran "partidista" e "unilateral". "Non nos parece apropiado que se nos trate como convidados de pedra e parecer cómplices desta toma de decisións que son, en todo caso, de orde partidista pero que non responden a ningún parámetro de orde técnica", lamentan, na carta de renuncia presentada esta mesma mañá.
Ángeles Tilve Jar, directora do Museo Provincial de Pontevedra. (Foto: Rafa Estévez)
photo_camera Ángeles Tilve Jar, directora do Museo Provincial de Pontevedra. (Foto: Rafa Estévez)

O cesamento de José Manuel Rey como director do Museo de Pontevedra e a súa substitución por Ángeles Tilve Jar segue a suscitar críticas tanto no campo da política como no cultural. A decisión do novo Goberno da Deputación, en mans do PP novamente após oito anos de coalición de PSOE e BNG, foi recibida polas forzas da oposición como unha "purga" e unha decisión "unilateral". E agora queda en evidencia que tampouco gustou no propio Museo, pois os sete vogais do seu Consello Asesor veñen de presentar a súa dimisión "inmediata e irrevogábel".

O Consello constituírase o 27 de xaneiro de 2020 e del formaron parte como vogais, até esta mesma mañá, María Dolores Dopico Aneiros, Beatriz Comendador Rey, Ramón Rozas Domínguez, Carmen Lamas Pérez, Xaime Domínguez Toxo, María Teresa Táboas Veleiro e Joaquín Martínez Silva. O obxectivo era dotar o Museo dun organismo "plural e diverso" con profesionais designados meramente polo seu "perfil técnico". Hoxe, porén, estes sete referentes do mundo da cultura abandonan o Consello descontentos e "desconformes" coas primeiras medidas adoptadas polo novo Executivo provincial, liderado polo popular Luís López.

Consideran os agora ex asesores do Museo de Pontevedra que a decisión de cesar José Manuel Rey foi tomada de forma "unilateral", da mesma forma que a elección da súa sucesora. Un movemento que, aseguran, "responde unicamente a motivacións de orde política", pois entenden que "non pode responder á valoración do traballo realizado pola equipa técnica que vén desenvolvendo un traballo serio, esforzado e rigoroso nestes anos". Con Rey á fronte, desde 2019, valoran a "transformación e apertura" do Museo, a comezar pola propia designación do antigo director, perante un proceso de selección aberto e coa presentación dun "proxecto definido a cinco anos" que se expuxo, inciden, "facendo partícipe" o propio Consello Asesor desde a súa constitución.

"Isto, baixo o noso punto de vista como profesionais do eido da cultura, resulta de significativa importancia, xa que os procesos de selección son garantes da posibilidade de estabelecer unha dirección clara e de avalar o cumprimento de obxectivos", apuntan as e os sete vogais que veñen de dimitir en bloque. E fan especial fincapé en que é unha práctica habitual nas institucións "máis senlleiras e avanzadas" que os cargos técnicos de dirección de museos sexan elixidos por medio dun proceso competitivo, "e non unha designación a dedo", como valoran a de Tilve Jar. "Sen entrar a valorar a nova dirección, a forma de escolla fala por si mesma do cariz das novas liñas de actuación que se configuran no futuro da institución cultural", lamentan.

Desde a súa constitución en 2020, aseguran, o Consello sempre fora "convocado e consultado" antes de adoptar calquera "decisión de importancia" relativa á institución. "Todos os membros tivemos ocasión de debater e conformar un escenario consensuado guiados sempre polo interese común de debuxar o mellor futuro para o Museo de Pontevedra", reiteran.

E precisamente por iso non entenden que, "desde a designación do responsábel do Museo na configuración do novo Goberno da Deputación —Rafael Domínguez—, en ningún momento se teña convocado o Consello Asesor, nin para expor as directrices ou —de habelas— as novas liñas de traballo, nin para consultar ao respecto da idoneidade do equipo para desenvolver ese novo plan de ruta", como é o caso do nomeamento da nova directora.

Non ven oportuno, pois, seguir a formar parte dun órgano "que non está sendo consultado" senón todo o contrario, pois senten que foi "ignorado" desde o cambio de goberno na Deputación en favor do Partido Popular. "Non nos parece apropiado que se nos trate como convidados de pedra e parecer cómplices desta toma de decisións que son, en todo caso, de orde partidista pero que non responden a ningún parámetro de orde técnica", conclúen na súa carta de dimisión, xa oficializada e posta en mans dos responsábeis da institución.

A Deputación, allea ás críticas, di que a "renovación" do Consello estaba na "folla de roteiro"

Alleo ás críticas, o vicepresidente da Deputación e deputado responsábel do Museo, Rafael Domínguez (PP), gabouse a través dun comunicado de que a "renovación" do Consello Asesor —eludiu falar en todo o texto de "dimisión" e referiuse ao sucedido como "renovación"— estaba xa prevista na súa "folla de roteiro" de cara a esta nova etapa da institución baixo o mandato popular. O obxectivo, xustifica, é "abrir a entidade á sociedade civil, sen distincións ideolóxicas".

O dirixente do PP entende que os sete vogais do Consello, cuxo mandato expiraría a finais do presente ano, foran nomeados polo anterior Goberno de coalición "a imaxe e semellanza do seu director", se ben agradeceu o traballo desenvolvido neste período. Coa designación dunha nova dirección, alegou, "o normal é un novo Consello Asesor", pois "forma parte dos trámites normais de renovación cando hai cambios políticos".

Desde o Executivo provincial aseguran que levaban "semanas" traballando nunhas novas bases para a selección "transparente e equitativa" dos novos membros dun órgano que, "en liñas xerais, estará integrado por persoas expertas en diversas disciplinas relacionadas coa cultura, o patrimonio e a arte, dándoselle prioridade á inclusión de representantes da comunidade local de Pontevedra e a persoas cun compromiso destacado coa promoción e preservación do patrimonio cultural da cidade". Tamén está previsto incluír "talentos emerxentes no ámbito da cultura e do patrimonio, procurando tamén un equilibrio de xénero".

Rafael Domínguez cre que o Consello Asesor "debería ter sido un compoñente actuvo na toma de decisións estratéxicas para o Museo" pero, "debido á súa escasa frecuencia de reunións, non se lle deu o papel que lle correspondía". Unha visión da que difire o propio Consello, que manifesta xustamente o contrario: o paso á "irrelevancia" desde que o PP alcanzou o poder após ser "convocado e consultado" antes de adoptar calquera "decisión de importancia" durante o anterior mandato.

Comentarios