BNG urxe melloras na conexión ferroviaria convencional entre Vigo e Porto

Néstor Rego pide ao Goberno estatal que tome medidas para fomentar o uso da conexión Vigo - Porto.
O actual tren Celta une Vigo co Porto en máis de dúas horas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O actual tren Celta une Vigo co Porto en máis de dúas horas. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, urxiu o Goberno estatal que invista na mellora do Tren Celta, a única conexión que cobre actualmente o traxecto entre a cidade de Vigo e do Porto, "dado o enorme atraso que leva o Saída Sur [de Vigo] e a modernización ferroviaria entre as dúas cidades".

Nun comunicado, Rego lamentou as deficiencias desta liña de tren, así como os "dilatados" tempos de viaxe e os atrasos e cancelacións que sofre o servizo. Por estes motivos, apelou ao Executivo español a que manteña unha fluída comunicación con Portugal para avanzar nas "necesarias melloras" desta vía.

Ademais, Rego preguntou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana se conta cun plan comercial acordado con Comboios de Portugal, a empresa pública portuguesa de transporte ferroviario, para atraer usuarios e fomentar o uso do tren.

O deputado explicou que, actualmente, o Tren Celta une Vigo con Porto con dúas frecuencias ao día nos dous sentidos, con paradas en Braga-Nínive, Viana do Castelo e Valença de Miño. Sobre isto, afirmou o seguinte: "A pesar da eliminación de paradas, esta conexión tarda dúas horas e 22 minutos en completarse". Fixéronse actuacións de electrificación e de instalación de sinais electrónicos, mais o feito de que sexa unha liña antiga de vía única non permite tecnicamente altas velocidades", indicou Rego, que instou o Ministerio para avanzar con Portugal na homologación das características da liña.

"Fixéronse actuacións de electrificación e de instalación de sinais electrónicos, mais o feito de que sexa unha liña antiga de vía única non permite tecnicamente altas velocidades", afirmou Néstor Rego.

Aínda que "os tempos de viaxe non son competitivos", Rego dixo que coas ofertas lanzadas en xaneiro, con billetes a 5,25 euros, "demostrouse que se incrementa a demanda de viaxeiros". "Cando se ofrecen servizos atractivos desde un punto de vista económico, a xente colle o tren", reivindicou. Por iso, o BNG defende que se aposte polo ferrocarril convencional.

O BNG pide o alto o fogo

Por outro lado, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclamou o cesamento do lume en Gaza e a apertura de corredores humanitarios para subministracións básicas.

Así se recolle nun comunicado conxunto con outros deputados e deputadas da Unión Europea e de América Latina promovido no desenvolvemento das reunións de Eurolat, a Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana.

No escrito, tamén se solicita o cumprimento das normas de dereito internacional humanitario dirixidas a respectar o dereito á autodeterminación do pobo palestino, segundo explica o BNG nun comunicado de prensa.

"É imprescindíbel que se dean pasos para conseguir o cesamento da violencia en Gaza e unha solución de paz que acabe coa ocupación por parte de Israel", reclamou Miranda, que criticou a "inxustificada inacción" dalgunhas institucións.

Comentarios