O BNG urxe a aprobar a prórroga dos bonos gratuítos para o tren

Rego apela ao cumprimento do pacto de investidura.
Usuarias e usuarios de Renfe agardando a subir ao tren na estación de Urzáiz, en Vigo, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Usuarias e usuarios de Renfe agardando a subir ao tren na estación de Urzáiz, en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O BNG urxe a que se aprobe a prórroga dos abonos para o transporte ferroviario e lembra que as miles de persoas usuarias destas bonificacións están na "incerteza" ao non saber se esta medida se prolongará a 2024 ou ben finalizará o día 31 deste mes.

Así o manifestou onte o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, na súa comparecencia ante os medios. "Queremos que o Goberno español aprobe canto antes a prórroga no transporte público ferroviario", apuntou. Colectivos de usuarias e usuarios da liña do Eixo Atlántico agradecían onte ao deputado nacionalista esa demanda: "Non hai abonos á venda, máis de 68.000 galegos sen billetes para xaneiro", denunciaban en redes sociais.

Renfe emitiu na Galiza perto de 67.000 abonos de Media Distancia e bonos Avant para viaxes entre o 1 de maio e o 31 de agosto de 2023. Do total de títulos expedidos, 66.500 corresponden a abonos gratuítos para Media Distancia, e os 380 restantes para o servizo Avant, bonificado ao 50%, que une Ourense con Zamora, A Gudiña e Sanabria.

Comisión Mixta

O representante nacionalista na Cámara baixa española instou o presidente estatal, Pedro Sánchez, a que se "aplique" no cumprimento do acordo de investidura alcanzado co BNG. Nesa liña, Néstor Rego demandou a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias Estado español-Xunta da Galiza, que figura nese pacto.

O nacionalista tamén reclamou ao Goberno estatal a retirada da coalición militar internacional no mar Vermello "organizada polos EUA que só responde aos obxectivos do imperialismo e a protexer os intereses comerciais de Israel. Non protexen os palestinos máis sí o agresor sionista". "A única maneira de garantir a seguranza é rematar co xenocidio que está a sufir o pobo palestino".

Comentarios