O BNG tende a man para unha candidatura de unidade nacionalista que derrote Feijóo

Unha comisión de militantes e simpatizantes elaborará o programa electoral como “o mellor antídoto” contra o PP e as súas políticas. Os nacionalistas preparan para o Día da Patria unha manifestación “aberta e participativa”.

CONSELLO NACIONAL bng

O BNG aposta por unha candidatura nacionalista como a ferramenta acaída para dous obxectivos fundamentais: derrotar Núñez Feijóo e ofrecer unha “alternativa de futuro” para Galiza. Así o manifestou a portavoz nacional, Ana Pontón, que este sábado presidiu o Consello Nacional do BNG. “Desde o Bloque seguimos tendo a man tendida a todos e todas as nacionalistas para traballar nunha candidatura na que o BNG sexa peza clave na derrota do PP e na posta en marcha dunha alternativa política diferente, porque somos optimistas co proxecto nacionalista, optimistas co futuro do país se damos os cambios necesarios e urxentes para derrotar a política antisocial e antigalega que representa Feijóo”, explicou Pontón.

“Desde o Bloque seguimos tendo a man tendida a todos e todas as nacionalistas para traballar nunha candidatura na que o Bloque sexa peza clave na derrota do PP"

O BNG asume que xa estamos en pre-campaña e toma nota para que a convocatoria definitiva das eleccións non represente sorpresa algunha. É máis, Pontón instou a Feijóo a que os comicios se realicen canto antes pois, dixo, xa non ten nada que achegar e deixa unha Galiza, “cos sectores produtivo moi danados, moi deteriorada a vida de miles de galegos, con máis paro, emigración, salarios máis baixos, e a moitas persoas desafiuzadas”.

Programa

Unha comisión integrada por militantes e simpatizantes, coordenada pola Executiva Nacional, comezará a traballar de inmediato na elaboración do programa electoral. “Dará alternativas a Galiza de hoxe, a esta situación, desde o convencemento de que incrementar a nosa capacidade para autogobernarnos é a mellor receita”, indicou a portavoz nacional, que considera que as estratexias do PSOE e de Podemos fortaleceron o PP. "O mellor antídoto contra o PP é o BNG”.

25 de xullo

O Consello Nacional tamén debateu convocar unha manifestación “aberta a todos os nacionalistas e a todas as persoas que sintan este país”, para o vindeiro Día da Patria e que así o 25 de xullo sexa “unha xornada de reivindicación dos dereitos dos galegos e das galegas”. É unha convocatoria para todas as persoas que cren “que é fundamental que teñamos alternativas políticas propias” e facer así da capital de Galiza “o epicentro de todos os galegos e galegas de nación”.

Comentarios