Parlamento

Sánchez Izquierdo defende as misas na TVG, que custan 800.000 euros aos galegos

"A retransmisión de cada misa cústalle aos galegos e galegas  3.886 euros, mais nos casos de eventos especiais o prezo chega a alcanzar os 17.248, unha cantidade que claramente parece desorbitada", advirte a nacionalista Alexandra Fernández.
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, esta quinta feira no Parlamento galego. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo (Foto: Xunta da Galiza)

A CRTVG pagou en 2022 ao Arcebispado de Santiago 800.000 euros pola emisión de cerimonias relixiosas, feito publicado no seu día por Eldiario.es e polo que esta sexta feira pediron explicacións na comisión de control á CRTVG as representantes do BNG e PSdeG, Alexandra Fernández e Noa Díaz.

"A retransmisión de cada misa cústalle aos galegos e galegas  3.886 euros, mais nos casos de eventos especiais o prezo chega a alcanzar os 17.248, unha cantidade que claramente parece desorbitada”, advertiu Fernández. No transcurso da Comisión de control,  a deputada nacionalista debullou o detalle dos nove contratos que constan co Arcebispado no portal de transparencia do ente público.

En total, sinalou, suman un gasto de 758.221,48 euros en favor da Igrexa, por un total de 215 capítulos. Destes, segundo expuxo, sete foron asinados para a retransmisión da misa, por un valor de 633.421,48 euros e para 163 capítulos. “Falamos de cartos que saen dos impostos de todos os galegos e todas as galegas”, incidiu a deputada, referíndose tamén aos contratos asinados para a emisión do programa Polo camiño da fe, presentado por unha traballadora do departamento de comunicación da Diocese de Lugo.

Pola súa parte, Noa Díaz  criticou tanto "o fondo como a forma" deste proceder da CRTVG nestes acordos coa igrexa católica. "Hai cousas moi estañas", dixo, apuntando a seguir a "contratos que non aparecen", "contías diferentes polo mesmo concepto", ou "excesos de programas". Para a representante do PSdeG na comisión, ademais, hai unha "opacidade" desta compañía pública en todo o relacionado con estas cuestións. Criticou, ademais, que a CRTVG entenda como de interese público "impulsar e divulgar o sentimento relixioso católico".

"Dereito de acceso"

As críticas de nacionalistas e socialistas non afectaron ao director xeral da televisión e radio públicas galegas, Alfonso Sánchez Izquierdo. Defendeu o "dereito de acceso" polo cal grupos ou colectivos relevantes na Galiza poden ter presenza na CRTVG, ao tempo que mencionou "o respecto á liberdade e feito relixioso" que figura na norma da compañía. "Non hai dúbida da lexitimidade de emitir espazos relixiosos", afirmou.

Ademais, Izquierdo chegou a manifestar que el "lamentaba" o "non ser quen de dar unha calidade de emisión das retransmisións relixiosas do nivel doutras televisións públicas europeas".

Comentarios