BNG quer que Feixóo renda contas perante o Parlamento da súa viaxe a México

“En termos económicos e políticos para Galiza esta viaxe nin se entende nin se xustifica”, afirma a portavoz nacionalista, Ana Pontón. O PSdeG considera “intranscendente” e "inútil” a viaxe e En Marea cualifícaa de “turística”.

ana pontón

Unha viaxe a México do presidente da Xunta que non ofrece nada relevante, nin económica nin politicamente. Para o BNG, Feixóo debe comparecer perante o Parlamento para dar explicacións sobre unha viaxe de cinco días que, insisten as e os nacionalistas, non se concretou en “ningún anuncio relevante” para o país.

Así o manifesta a portavoz do BNG, Ana Pontón, que entende que “non está xustificado que lle paguemos con diñeiro público cinco días en México” a Feixóo cando a viaxe é unha “tomadura de pelo” cun único obxectivo, “agradecer algo que ficou en nada”, en referencia aos floteis de Pemex.

As e os nacionalistas consideran “obrigatorio” que Feixóo compareza no Parlamento para dar conta do custo e resultados desta viaxe. Unha postura que tamén mantén En Marea, que por boca do seu deputado Pancho Casal, entende que esta foi unha viaxe turística. Desde PSdeG o seu portavoz parlamentar, Fernández Leiceaga, non dubidou en falar de “intranscendente”, “improvisada” e “inútil” a viaxe.

AP9

Os atascos e retencións desta fin de semana na ponte de Rande tamén foron tratadas pola portavoz do BNG. Pontón insistiu na necesidade de que a AP9 sexa traspasada a Galiza e afirmou que os galegos e galegas “estamos cansas” deste tipo de situacións, lamentando que o goberno galego “sempre se sitúe a carón de Audasa”.

Comentarios