A CIG propón un paquete de medidas para facer fronte ao aumento dos prezos

Convocará concentracións para o 29 de marzo fronte as catro subdelegacións do Goberno español, e unha manifestación en Santiago de Compostela o vindeiro 5 de abril.
O responsábel de Enerxía da CIG, Fernando Branco (á esquerda), e o seu secretario xeral, Paulo Carril (á dereita) nunha rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O responsábel de Enerxía da CIG, Fernando Branco (á esquerda), e o seu secretario xeral, Paulo Carril (á dereita) nunha rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) aprobou nesta terza feira un paquete de "medidas urxentes" e de "accións mobilizadoras" para facer fronte ao incremento xeralizado dos prezos. O obxectivo do sindicato é exixir ao Goberno español que "non aproveite a guerra na Ucraína para ir máis alá nas políticas neoliberais que se veñen aplicando e que foron as que nos levaron a esta situación".

Tal e como explican nun comunicado, o paquete de medidas distribúese en cinco bloques, a comezar pola urxencia de articular medidas para baixar a factura eléctrica, que pasan por aprobar a intervención pública no sector eléctrico.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que “o mercado eléctrico no Estado español é o único da Unión Europea (UE) no que a última tecnoloxía en entrar no pool é a que marca o prezo, que despois repercute en todos os consumidores e consumidoras”. Defende que é necesario acometer reformas “profundas, amplas e integrais” no sector eléctrico “para fixar unha tarifa eléctrica que poida garantir unha vida digna e o desenvolvemento dunha actividade económica, social e industrial que cree postos de traballo e que permita o desenvolvemento dun proxecto de vida”.

A central sindical propón que se fixe un prezo de referencia para que o prezo final de consumidores domésticos e profesionais, "que teñen unha potencia contratada entre os 10 e os 15 megavatios hora", oscile entre os 10 e os 60 euros por megavatio hora. "Unha medida cunha duración de 24 meses, revisábel trimestralmente, até a estabilización dos prezos dos últimos anos".

Críticas ao Goberno español

Carril criticou que “é indecente que neste contexto o Goberno acorde, de forma antidemocrática e sen aprobación parlamentaria, destinar máis cartos públicos para armamento, aumentándoo en até 2% do Produto Interior Bruto (PIB)”.

"É imperdoábel que un Goberno denominado de esquerdas siga sen tomar medidas de intervención pública na economía, sen levar adiante cambios profundos nas políticas económicas e fiscais”, engadiu.

No mesmo sentido, Carril cuestionou o pacto de rendas anunciado polo presidente de Goberno español, Pedro Sánchez, e as negociacións do acordo estatal de negociación colectiva, porque “completa esta nova ofensiva onde, de novo, o diálogo social, UXT e CCOO, volven estar ao servizo do capital”.

Neste contexto, Paulo Carril lamentou que o Xunta “estea máis preocupada en acometer a sucesión do Partido Popular (PP) no Estado” e siga practicando “unha política de inacción e de abandono das súas competencias para afrontar unha situación como a actual”.

Tarifa eléctrica galega

Ademais da intervención no prezo da electricidade, a CIG insiste na necesidade dunha tarifa eléctrica galega; modificar o sistema tarifario, limpando a factura de todos os cargos; unha rebaixa xeral no prezo da electricidade, retirándoa do pool; control e límite do beneficio obtido polas eléctricas, cun tope máximo de beneficio-minoración do exceso de retribución, como mínimo de 15% do custo de xeración.

O sindicato propón avanzar coa reversión das instalacións hidroeléctricas; a fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor; modificar transitoriamente os impostos que actualmente están na tarifa eléctrica e que as concesións de instalacións de produción de enerxías renovábeis cumpran as condicións ambientais e estean vinculadas a proxectos de desenvolvemento económico ou plans industriais.

No paquete de medidas urxentes, a  CIG tamén recolle que o Goberno español fixe un prezo máximo de gasolina e diésel para paliar os altos prezos dos combustíbeis, "cunha duración de seis meses, mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta. “Para fixar estes prezos máximos, o Goberno tomará como base o prezo medio que existía en gasolineiras o 24 de febreiro de 2022”, conclúe.

Garantir o poder adquisitivo dos salarios

No comunicado, sinalan que, "para garantir o poder adquisitivo dos salarios", a central sindical sitúa os incrementos salariais en 1.226 euros/ano lineais (87 euros/mes, 14 pagas), un aumento salarial de 4,50 % e que todos os convenios teñan garantida a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo a 31 de decembro de cada ano, conforme ao Índice de Prezos de Consumo (IPC) interanual acumulado, no canto do IPC medio.

A CIG demanda tamén que se aproben as "medidas necesarias para que na negociación colectiva sexan unha realidade de obrigado cumprimento as auditorías retributivas e os plans de igualdade, rematando dunha vez coa fenda salarial e as desigualdades de xénero".

Para a central sindical cómpre ademais fixar o salario mínimo interprofesional en 1.167 euros ao mes, que corresponde a 60% do salario medio do Estado español, "tal como recomenda a Carta Social Europea".

Mobilizacións da CIG

A primeira mobilización que a CIG ten previsto convocar decorrerá o día 29 de marzo, ás 11 horas, fronte ás catro subdelegacións do Goberno español na Galiza, coincidindo co Consello de Ministras. O 5 de abril convocará unha nova manifestación en defensa da industria e do emprego na Galiza, con saída do Campus Sur, en Santiago de Compostela, ás 11 horas. Ademais, ten previsto celebrar asembleas de delegadas e delegados e posteriores concentracións en todas as comarcas o día 20 de abril.

Comentarios