Estas son as cinco opcións que formula a UE para abaratar o prezo da luz

Os Estados membros tamén deseñaron un mecanismo para poder retirar o control de depósitos de gas a empresas de terceiros países, como a rusa Gazprom, se se producen comportamentos que a UE poida entender como ameazas para a seguridade do abastecemento.

A presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen. (Foto: Europa Press)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen. (Foto: Europa Press)

A Comisión Europea presentou esta cuarta feira cinco posíbeis medidas coas que pretende tratar de reducir de xeito temporal o aumento dos prezos da enerxía na Unión Europea (UE) a curto prazo. Ao tempo, as institucións europeas ultiman unha revisión do mercado eléctrico a longo prazo, que a Comisión Europea agarda ter lista para aplicar a partir de abril.

O Executivo da UE propón, en primeiro lugar, pór un tope ao prezo do gas no mercado maiorista, evitando así que o prezo do resto de enerxías cun menor custo de produción se disparen demasiado.

En segundo lugar, estuda a opción de compensar os custos de produción das empresas que xeran electricidade con combustíbeis fósiles. Tamén está sobre a mesa da Comisión Europea a posibilidade de redirixir "os beneficios do ceo" aos consumidores.

En cuarto lugar,  baráxase a opción de crear un agregador que garanta un prezo baixo aos consumidores vulnerables. Por último, a UE estuda estabelecer un prezo máximo para aquelas empresas que operan no mercado maiorista.

Proposta lexislativa para garantir os depósitos de gas

No marco destas medidas que estuda agora a Comisión Europea, os países da UE tamén presentaron unha proposta lexislativa para obrigar aos Estados membros a que os seus almacéns de gas estean completos polo menos en 80% de cara ao próximo inverno.

Por último, tamén deseñaron un mecanismo para poder retirar o control destes depósitos a empresas de terceiros países, como a rusa Gazprom, se se producen comportamentos que a UE poida entender como ameazas para a seguridade do abastecemento.

Comentarios