O BNG presentará emenda á totalidade dos orzamentos de 2026
Pontón pide "pór no centro os problemas reais"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou a presentación dunha emenda á totalidade aos Orzamentos da Xunta da Galiza de 2026. Neste sentido, asegurou que as contas públicas "son o retrato perfecto" dun Goberno galego "estancado, sen ideas e que mantén a Galiza en punto morto" e avanzou un paquete de propostas, co obxectivo de "pór no centro os problemas reais dos galegos e das galegas".
Pontón, quen asegurou que os orzamentos de "Alfonso Rueda non van solucionar os problemas da maioría da xente deste país", chamou a "pór o foco na defensa do importante". Neste punto, subliñou que o PP volve "cos mesmos titulares de sempre", pero non ofrece "solucións aos problemas que teñen os galegos e as galegas". A este respecto, concluíu que "temos un Goberno que conduce Galiza en punto morto e este país merece máis".
Vivenda
A dirixente nacionalista situou a vivenda como "o primeiro problema" da cidadanía galega. Nesta dirección, reclamou a posta en marcha dun parque público de vivenda en alugur e un programa "intensivo" de compra de vivenda co obxectivo de lograr 4.000 vivendas protexidas no prazo de cinco anos.
Pontón destacou que "se queremos solucionar o problema da vivenda é necesario non só que haxa máis recursos, senón que se actúe no aquí e no agora e non que se fíen as solucións, única e exclusivamente a construír máis vivenda pública que sabemos que tarda anos e anos en facerse".
Servizos públicos
A dirixente do BNG denunciou que o PP "está deteriorando os servizos públicos por ideoloxía, porque o que busca é que o público se converta nun negocio para os seus amigos".
A voceira do BNG , avanzou a presentación dun bloque de propostas por unha contía de 400 millóns de euros dirixidas a mellorar as prestacións en materia de dependencia, con especial atención ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A este respecto, apostou por reforzar o SAF, "no que para que entre unha persoa maior ten que morrer outra persoa maior".