O BNG pon na mesa a opción de recorrer perante o TSXG a normativa de Sogama

O portavoz nacional, Xavier Vence, e o portavoz na FEGAMP, Francisco García, consideran que a normativa “ legaliza calquera trágala que Sogama decida impoñer os municipios”. 

VENCE E GARCIA1

O BNG considera que a resolución da Xunta do 15 de decembro de 2014 que fixa as condicións de adhesión a Sogama significa, na práctica, “dar cobertura legal a esta empresa para que modifique unilateralmente as condicións cos concellos que, ata agora, se pactaban en convenios bilaterais entre as dúas partes”.

O portavoz nacional, Xavier Vence, e o portavoz na FEGAMP, Francisco García, denunciaron que a normativa supón unha “patente de corso” para Sogama e converte a Xunta no “brazo recadador” da empresa “poñendo a conta de resultados de Gas Natural -Fenosa por diante en lugar de defender o interese da veciñanza e dos concello”. De feito, asegura a fronte nacionalista, en caso de discrepancia sobre a facturación, “no prazo de 30 días e a simple petición de Sogama, a Xunta descontará a cantidade impagada da asignación mensual do Fondo de Cooperación Local”. “Un despropósito”, afirma Xavier Vence.

Recursos

O BNG anunciou que vai actuar nunha dobre dirección para frear esta normativa. Desde os concellos, dixo, presentará un requirimento administrativo perante a Consellería de Medio Ambiente para suspender esa normativa. En caso de que o goberno faga oídos xordos, “os concellos do BNG darán un paso adiante e presentarán un recurso contencioso administrativo ante o TSXG, para que o alto tribunal pare esta resolución”.

A outra vía de actuación é propoñer que a FEGAMP impugne a resolución da Xunta para defender a autonomía municipal e o interese común


 

Comentarios