Política

BNG e Marea de Vigo piden reducir ao mínimo os servizos após o positivo dun operario de xardíns

Ambas formacións trasladaron ao Concello de Vigo que se reduzan ao mínimo os servizos municipais que non sexan esenciais durante a crise da COVID-19.
Concello de Vigo (Wikimedia).
photo_camera Concello de Vigo (Wikimedia).

Marea de Vigo e BNG solicitaron no comité de seguimento do COVID-19 creado no Concello de Vigo que se reduzan ao mínimo os servizos municipais que non sexan esenciais, despois de que un traballador da concesionaria de parques e xardíns dese positivo na proba do coronavirus.

Marea de Vigo reclamou que se decreten servizos mínimos para esa concesión municipal, e o Goberno local se adiante á empresa, antes de que esta presente un expediente de regulación de emprego. A ese respecto, pediu que o persoal "se reoriente a labores de desinfección".

Na mesma liña, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, reclamou que se reduza "toda actividade" naqueles servizos municipais "que non sexan esenciais", incluídos os prestados por concesionarias.

O edil nacionalista pediu ao Goberno local que adopte medidas para que esta redución de actividade non se traduza nun impacto no emprego do persoal desas empresas que prestan servizos ao Concello.

Medidas de choque

Por outra banda, tanto BNG como Marea de Vigo reclamaron a posta en marcha de medidas de choque para frear un posíbel avance do coronavirus na cidade .

Así, Pérez Igrexas solicitou que se garanta a subministración de equipos de protección para os traballadores que desempeñen o seu labor en centros de maiores, centros de menores e de atención a discapacidade, á vez que pediu tamén que se suspenda "toda a obra pública que non sexa urxente".

Marea de Vigo presentou un plan "de choque" con medidas de tipo social, de prevención ou económicas. Entre elas, ademais de paralizar as obras públicas, expón que se esixa ás concesionarias e subcontratas as máximas medidas de protección para os traballadores, que se reforcen os servizos de atención a persoas vulnerábeis, que se habilite un "segundo albergue", ou que se amplíe o fondo de axudas municipais de emerxencia.

Tamén propoñen que se estuden exencións en tributos locais para o conxunto da cidadanía, incluídos autónomos e empresas, e que se constitúa unha mesa de diálogo dos grupos municipais cos axentes sociais e económicos da cidade, entre outras medidas.

Comentarios