O BNG leva ao Congreso o debate e votación para o recoñecemento de incapacidade coa diagnose da silicose

“Dentro do sistema da Seguranza Social débese asignar un código identificador ás empresas que desenvolvan a súa actividade no sector da extracción e transformación da pedra -como son o granito e a lousa-, para que nos informes de vida laboral se identifique automaticamente esa actividade” especificou o deputado do BNG.
Néstor Rego intervén no Congreso (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera Néstor Rego intervén no Congreso (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá a moción relativa aos coeficientes redutores para a xubilación das persoas traballadoras do sector da extracción e a transformación da pedra, así como o recoñecemento de Incapacidade Permanente coa diagnose da silicose. Após a interpelación realizada esta semana á Ministra, e existindo sentenzas xudiciais que recoñeceron esa equiparación, o BNG reclamará no pleno que a Seguranza Social inicie os trámites de reforma normativa que permitan a aplicación xeral.

Despois da interpelación de Néstor Rego á nova Ministra de Seguranza Social, Elma Saiz, a organización nacionalista leva ao pleno do Congreso o debate e votación dunha moción en que se insta ao Goberno estatal a que “adopte as medidas e modificacións lexislativas necesarias para dar solución ás traballadoras e traballadores do sector da extracción e a transformación da pedra diagnosticadas de silicose”.

En opinión do deputado nacionalista, é hora de que o Executivo español comece a concretar os pasos dará para “resolver este problema e facer xustiza”. Neste sentido, Rego lembra que xa o Congreso aprobara unha Proposición Non de Lei presentada polo BNG en 2009 que contou co apoio unánime da cámara baixa.

“Catorce anos despois, a pesar de existiren sentenzas xudiciais que recoñeceron xa a equiparación, a Seguranza Social segue sen recoñecer este problema e sen iniciar os trámites para resolver esta inxustiza”, acrecentou.

“O Goberno debe revisar os actuais coeficientes redutores asignados de modo que, cando menos, se equiparen os das categorías da minaría exterior -ao descuberto- cos da minería interior regulados no Real Decreto (RD) 2366/1984” avanza Rego. Este RD, tamén citado durante na pasada interpelación, estipula a redución da idade de xubilación de determinados grupos profesionais incluídos no ámbito do Estatuto do Mineiro, aprobado polo Real Decreto 3255/1983, de 21 de decembro.

Coeficientes redutores

Así mesmo, a organización nacionalista defenderá estender aos traballadores e traballadoras de empresas de transformación de mineral “a asignación de coeficientes redutores para a idade de xubilación xa que os niveis de po e ruído son similares aos da industria extractiva”, tal e como queda reflectido en diversos estudos e medicións realizados por organismos oficiais e mesmo sendo un dereito recoñecido pola xurisprudencia.

“Dentro do sistema da Seguranza Social débese asignar un código identificador ás empresas que desenvolvan a súa actividade no sector da extracción e transformación da pedra -como son o granito e a lousa-, para que nos informes de vida laboral se identifique automaticamente esa actividade” especifica Rego.

Esta proposta favorecería que o traballador ou traballadora puidese acreditar unicamente o posto de traballo desempeñado e non a actividade da empresa á hora de efectuar o cálculo da idade de xubilación. “Trátase de evitar, como sucede na actualidade, que o traballador teña que recorrer á solicitude individualizada de asignación de coeficientes de empresa por empresa” subliña o deputado do BNG.

Por último, a organización nacionalista exixirá ao Goberno estatal que estabeleza as modificacións lexislativas necesarias para que se recoñeza a situación de Incapacidade Permanente Total ás persoas traballadoras diagnosticadas de silicose de primeiro grao. “Esta medida daría solución á situación das persoas traballadoras que non poden acceder a outro posto de traballo exento de risco de exposición á inhalación de po silicótico dentro da mesma empresa” finda.

Comentarios