Debate de investidura

Pontón afirma que o BNG será "moi exixente" con Pedro Sánchez na defensa da Galiza

Besteiro defende que o acordo co BNG é “unha boa nova para a Galiza”.
Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu en Ourense que “hoxe [por esta quinta feira] empeza unha lexislatura na que imos ser moi esixentes con Pedro Sánchez” na defensa dos intereses dos galegos e das galegas.

Pontón lembrou que o acordo da formación nacionalista é só para a investidura e que, polo tanto, o voto nacionalista vai estar condicionado durante a lexislatura pola defensa da axenda galega e dos dereitos das maiorías sociais.

“O Goberno de Sánchez vai ter que gañar o voto do BNG día a día e debate a debate”, incidiu para engadir a continuación que esta nova lexislatura abre moitas oportunidades para a forza nacionalista á hora de defender outros aspectos da axenda galega que non están recollidos no acordo de investidura.

A líder do BNG recalcou que o acordo logrado pola formación nacionalista demostra que “un deputado e unha senadora do Bloque son máis útiles para a Galiza que o resto ao servizo das forzas estatais”, que non poden presentar un acordo de investidura porque o seu voto “xa está entregado de antemán, uns a Sánchez e outros a Feixoo”. É neste contexto onde, segundo subliñou, “o voto do BNG é o voto libre que defende os intereses dos galegos e das galegas e isto marca a diferenza”.

Así se manifestou a líder nacionalista na presentación do acordo de investidura do BNG en Ourense xunto á senadora Carme da Silva e o portavoz municipal, Luís Seara, na que salientou que a cidade, ao igual que o conxunto da Galiza, gaña con este acordo, “gaña coa política útil do BNG, que impulsa a axenda galega ante o Estado e mellora a vida das persoas”.

Neste sentido, tanto Pontón como a senadora Carme da Silva salientaron o impacto positivo do acordo para Ourense, que mellora a súa mobilidade a través de importantes actuacións en materia de infraestruturas, empezando polos novos descontos na AP-53, unha rebaixa nas peaxes que suporá un desconto de 75% para os ourensáns e ourensás que de maneira habitual fan 20 viaxes a Compostela e que pasarán de pagar 12,80 euros por traxecto de ida e volta a 3,20 euros.

A portavoz do BNG cifrou en 200 euros mensuais o aforro para as e os usuarios recorrentes, unha contía que considerou de especial relevancia nun contexto de crise de prezos, e recordou que haberá tamén un desconto de 50% para as ourensás e ourensáns que teñan telepeaxe e fagan a viaxe de ida e volta de xeito máis puntual.

“Estes descontos rompen coa discriminación que estaban tendo as e os usuarios desta vía”, afondou logo de indicar que a AP-53 terá así os mesmos descontos que o BNG xa conseguira na pasada lexislatura para AP-9, se ben a formación nacionalista seguirá a traballar por unha Galiza libre de peaxes.

Pontón recordou que desde que se inaugurou a AP-53 até agora, “houbo presidentes do PSOE e presidentes do PP” que tiveron toda a capacidade de aplicar rebaixas nesta autovía mais non o fixeron porque non había vontade política. “Esa vontade política é a que puxo sobre a mesa o BNG que consegue estes descontos que son moi importantes”, subliñou.

A portavoz nacional tamén apuntou que o acordo recolle a recuperación de todas as frecuencias horarias dos trens suspendidas durante a pandemia, que afectaban especialmente a Ourense. “Non se pode perder o tren porque é o medio de comunicación do futuro”, insistiu, para engadir que en materia ferroviaria tamén se vai modernizar a liña entre Guillarei e Ourense, o que vai permitir que toda a conexión da zona sur, tanto de viaxeiros como de mercadorías, se homologue aos estándares europeos, o que considerou estratéxico para o desenvolvemento económico ourensán.

Así mesmo, Pontón subliñou que a cidade contará con máis medios para loitar contra a violencia machista cun xulgado específico que se recollerá xa nos orzamentos de 2024, un xulgado cuxa importancia destacou tamén Carme da Silva, dado que o seu carácter específico suporá unha maior protección ás mulleres que sofren violencia machista e un impulso á axenda feminista galega.

A todo isto sumou as melloras recollidas no acordo en materia de benestar social e que terán unha incidencia moi positiva sobre unha zona cun alto nivel de envellecemento da poboación, como son a actualización das pensións de acordo ao IPC e o aumento das pensións non contributivas, as de máis baixa contía.

“Esta é a política útil do BNG, que estou segura é a que valora a inmensa maioría dos galegos e das galegas, votasen a quen votasen nas pasadas eleccións estatais”, incidiu, para atribuír a continuación as críticas do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a que o acordo “é unha boa noticia para a Galiza, mais unha mala noticia para o PP” porque evidencia a súa “incapacidade política” para defender os intereses galegos no Estado. “O que conseguiu a súa Presidencia é o equivalente a cero, os méritos de Rueda son un conxunto baleiro para os galegos e as galegas”, concluíu.

Pola súa parte, Luís Seara afirmou que “se o BNG está, a Galiza está” e recalcou que os asuntos de Ourense estiveron perfectamente representados e defendidos na pasada lexislatura e “o van estar nesta a través da nosa representación tanto no Congreso como no Senado”.

Seara cualificou de “fantástico” o acordo para Ourense, un acordo que sería imposíbel, dixo, sen a negociación levada a cabo polo BNG e que vai ter un impacto moi positivo para a cidade, destacando o novo xulgado específico para violencia de xénero, os investimentos en infraestruturas, as rebaixas nas peaxes ou a mellora na seguridade en vías como a N-120, a N-551 ou a A-52.

Besteiro augura que Sánchez terá un “Goberno estábel”

O candidato socialista á presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que a investidura de Pedro Sánchez permitirá abrir unha nova etapa de “catro anos máis dun Goberno estábel que pensa e traballa pola maioría social do noso país”. Así o dixo ao comezo da sesión de investidura de Sánchez, esta quinta feira no Congreso.

O responsábel socialista, que formou parte do equipo negociador da investidura, puxo en valor un acordo co BNG que “se traducirá en máis obras, mellores pensións, máis vivenda pública e máis cartos para a nosa terra”, grazas a un goberno progresista que suporá, resumiu, “unha boa nova para a Galiza”.

Anticipou que o respaldo de 179 deputados e deputadas garante o apoio da maioría absoluta da Cámara a un Executivo progresista que abrirá unha lexislatura de “catro anos máis dun Goberno estábel que pensa e traballa pola maioría social do noso país”.

Comentarios