O Consello Nacional ratifica os número un das cidades e doutros 40 concellos

O BNG ve nas municipais 2019 a chave da mudanza política na Galiza

O Consello Nacional do BNG ratificou este sábado as e os cabeza de lista en 47 concellos do país, entre eles as 7 cidades. Hai dous modelos posíbeis de política municipal na Galiza: ou a parálise de quen non é quen de aprobar os orzamentos (Ourense, PPdeG) e practica o desbaldimento de recursos públicos "en luces" (Vigo, PSdeG) ou a solvencia xa demostrada dos gobernos municipais do BNG. Así o defendeu Ana Pontón na súa intervención perante o máximo órgao do Bloque entre asembleas. A líder nacionalista ve nas locais do próximo maio o comezo da "mudanza política" no país, coa conquista da Xunta no horizonte.

Consello Nacional do BNG, 15 de setembro de 2018
photo_camera Un momento do Consello Nacional

A batalla das municipais vaise xogar basicamente nas cidades e así o entende o BNG, que outorga un protagonismo de excepción á escolla dos seus referentes nas urbes do país. Este sábado, o Consello Nacional ratificou as decisións das asembleas locais respectivas e, por tanto, oficializou as apostas da formación nacionalista nas localidades máis populosas do país. A saber, Goretti Sanmartín, en Compostela; Francisco Jorquera, na Coruña; Iván Rivas, en Ferrol; Rubén Arroxo, en Lugo; Miguel Anxo Fernández Lores, en Pontevedra; Luís Seara, en Ourense; e Xabier Pérez Igrexas, en Vigo.

Os obxectivos? Basicamente incrementar a representación no conxunto das 7 urbes, revalidar a alcaldía de Pontevedra (que Lores ostenta desde 1999) e recuperar a presenza perdida en 2015 en Ourense e Vigo.

Na súa intervención perante o Consello Nacional, Ana Pontón puxo en destaque que o BNG é unha forza de goberno no ámbito municipal con capacidade de xestión perfectamente contrastada: "Temos unha organización con concelleiros e concelleiras que coñecen ben as súas veciñas e veciños e os seus problemas, mais tamén temos concellos do BNG [os gobernos municipais] que son referentes en moitos ámbitos]".

FOTO ANA PONTÓN CONSELLO NACIONAL

O BNG olla o resto do taboleiro e faino con optimismo. Ve axitación nos partidos estatais (con problemas no horizonte de Casado e agora tamén de Sánchez a conta dos seus currículos académicos) e olla división no espazo da Marea. En troca, as augas baixan calmas en Rodríguez de Viguri. O BNG enfronta o desafío das municipais de 2019 "coa tranquilidade de ter unha organización unida, solvente e cun proxecto claro para mellorar a vida das galegas e dos galegos desde os concellos", enfatizou Ana Pontón. "Moi poucos", acrecentou, "poden dicir o mesmo".

No discurso da líder do BNG sobrancearon as críticas ao vello bipartidismo estatal e apenas houbo referencias veladas ao mundo das Mareas. No campo municipal, situou por un lado a ineficiencia do goberno municipal de Ourense ao non ser quen de aprobar os orzamentos (ataque ao PPdeG) e, por outro, cargou contra Abel Caballero, a quen atribuíu o "despilfarro en luces [o alumeado para nadal] para tapar a falta dun proxecto político para esa cidade". Os dardos a PP e PSOE apareceron tamén cando a líder nacionalista analisou os últimos acontecimentos no campo de batalla estatal: mentres os partidos do réxime "nos teñen entretidas con másteres, plaxios e demais corruptelas, dispárase a factura da luz, os carburantes están polas nubes, súbennos outra vez as peaxes da AP9 e non hai solucións á precariedade e á emigración da xente nova".

No discurso do líder do BNG sobrancearon as críticas ao vello bipartidismo estatal e apenas houbo referencias veladas ao mundo das Mareas.

Mudou o goberno en Madrid, mais o país continúa a ser obxecto de discriminación por parte do estado, veu argumentar a portavoz nacional do BNG: "Temos un Pedro Sánchez convertido en alternancia na discriminación con Galiza, co silencio cómplice de todos os deputados e deputadas electos, e temos un Feixóo máis preocupado de ser o recadeiro de Casado que por solucionar os problemas das galegas e dos galegos".

A alternativa na Galiza, subliñou, só pode vir da man do nacionalismo. E nese sentido quixo dar boas noticias ás súas compañeiras e compañeiros do Consello Nacional. "O BNG está á alza e iso vai notarse nas municipais", prognosticou Pontón, quen a seguir fixo un apelo a partillar o proxecto do nacionalismo galego a "todas as persoas que compartan con nós a necesidade de defender Galiza, o seu dereito a decidir e a construción de alternativas que melloren a vida das maiorías sociais".

Comentarios