O BNG insta o Parlamento galego a pedir o arquivo da causa contra os 9 militantes de Causa Galiza

Os deputados nacionalistas rexistraron unha proposición non de lei (PNL) na que pide á Cámara que condene a ilegalización da organización e critica a "utilización" de xustiza e medios policiais para "perseguir o independentismo".

Causa Galiza operación jaro

O grupo parlamentar do BNG rexistrou unha proposición non de lei pola cal insta o Parlamento de Galiza a condenar o proceso de ilegalización contra Causa Galiza e pide o arquivo da causa aberta contra os 9 militantes desta organización independentista, ao tempo que denuncia a “ utilización do aparello institucional do estado na persecución de ideas políticas democráticas”.

Os nacionalistas lembran que en decembro de 2016 a Audiencia Nacional tivo que reverter a decisión adoptada un ano antes de suspender de actividades Causa Galiza. Embora esta decisión, “recoñecemento implícito da falta de base para a acusación” afirma o BNG, o tribunal "mantén o procesamento de nove militantes desa organización".

“Non é un caso isolado”

O que acontece con Causa Galiza debe de enmarcarse “nun contexto de fundo retroceso en materia de liberdades e dereitos democráticos elementais”, explica o Bloque na PNL. Para o BNG estamos perante a utilización “da xustiza (Audiencia Nacional), das forzas policiais e da administración do Estado para perseguir ideas políticas, en concreto para perseguir o independentismo político galego”.

Perante un escenario como este, o BNG entende que Parlamento e goberno galego deben “tomar parte activa na reivindicación ao Estado do exercicio de dereitos democráticos individuais e colectivos”.

Comentarios