O BNG exixe "investigar" as filtracións a residencias das datas de inspección

Olalla Rodil advirte dunha "posíbel vulneración da lei".
A conselleira Fabiola García nunha visita a unha residencia (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A conselleira Fabiola García nunha visita a unha residencia. (Foto: Xunta da Galiza)

A deputada do BNG Olalla Rodil rexistrou onte unha iniciativa parlamentaria para esixir á Xunta da Galiza a apertura "inmediata e coa máxima dilixencia" dunha investigación sobre a "filtración" a empresas de residencias de persoas maiores das datas e horas nas que van recibir a visita dos servizos de Inspección.

Así o trasladou nun comunicado, en referencia á denuncia da Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss). "A denuncia é gravísima, suporía unha vulneración da lei e un intento por obstruír, por obstaculizar desde o propio Goberno da Xunta, o labor dos servizos de Inspección", advertiu a viceportavoz primeira do BNG na Cámara.

Na súa iniciativa, Rodil lembra que foi a propia Agiss quen fixo saber publicamente que membros da Consellaría de Política Social "filtraban ás empresas propietarias e xestoras das residencias o día e a hora prevista para as visitas dos inspectores".

Pola súa parte, a Xunta da Galiza negou "con total contundencia" as acusacións. "Son acusacións moi graves, sen probas e que carecen de veracidade", conclúe.

Comentarios