O BNG exixe a aplicación “inmediata” das bonificacións na AP-9

O Goberno estatal continúa sen aplicar as bonificacións acordadas entre PSOE e BNG, no pacto de investidura de Pedro Sánchcez, nas portaxes da AP-9. Néstor Rego exixe a súa "inmediata" posta en marcha e pide que se desbloquee a transferencia desta infraestrutura.
Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).

"Está a piques de finalizar o primeiro semestre e o Goberno español aínda non cumpriu o seu compromiso cos galegos e galegas en relación á baixada das portaxes da AP-9. Este non só foi un compromiso co BNG, senón co pobo galego". Así se pronunciou na mañá da terza feira o deputado Néstor Rego, que advirte de que “cada día que pasa sen cumpriren é un día máis de descrédito do Partido Socialista na Galiza”.

O portavoz do BNG no Congreso reclama que se cumpra o acordo de investidura asinado entre PSOE e BNG e, desta maneira, se apliquen as bonificacións nas portaxes da AP-9 e se libere o tramo Vigo-Redondela.

O citado acordo estabelecía a rebaixa de 100% nas portaxes da autoestrada do Atlántico para persoas usuarias recorrentes, a absorción por parte dos Orzamentos Xerais do Estado do incremento de 1% anual acumulativo durante vinte anos previsto nos convenios de 2011 e 2013 e aínda a eliminación da portaxe no tramo Vigo-Redondela

“Todas estas medidas terían que ter entrado en vigor a 1 de xaneiro, coa aplicación dos Orzamentos do Estado, mais o Goberno non cumpriu e pasou a anunciar que as bonificacións se aplicarían no primeiro semestre de 2021", lembra Rego.

14 semanas consecutivas de "bloqueo"

Por outra banda, o portavoz do BNG no Congreso denuncia a “actitude de bloqueo de PSOE e UP na Mesa do Congreso” a respecto da tramitación da Lei de transferencia da autoestrada e exixe que sexa tramitada neste mes, antes de finalizar o actual período lexislativo.

A toma en consideración produciuse a comezos de febreiro e, tras aceptar a solicitude do BNG de realizar esta tramitación pola vía de urxencia e finalizar o prazo de emendas á totalidade, a Mesa do Congreso "prorroga semanalmente de forma sistemática e sen razón xustificada o prazo de para as emendas parciais desde o día 24 de febreiro".

"Catorce semanas consecutivas. Non é de recibo esta política de dilación por parte do Goberno español e dos partidos que o conforman, nunha cuestión que xa leva demasiado tempo esperando", expón o nacionalista.

Comentarios