A veciñanza volve á rúa para exixir a supresión das peaxes da AP-9 entre Vigo e Redondela

As entidades convocantes tamén solicitan que un tramo pase a ser considerado zona urbana. Na marcha reivindicativa participaron algúns representantes políticos como o deputado do BNG no Congreso Néstor Rego, que reclamou ao Estado español que atenda ao acordo da investidura sobre a autoestrada. Por outra parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, lamentou que o Goberno de Sánchez reclame ante a Xustiza contra Audasa por 26 millóns de euros que pide esta última, pois pensa que acabarán "pagando os galegos".
A cabeza da marcha reivindicativa pola supresión das portaxes. (Foto: BNG)
photo_camera A cabeza da marcha reivindicativa pola supresión das portaxes. (Foto: BNG)

Fartas de que ningunha promesa chegue a facerse realidade, a Asociación de Veciñas e Veciños de Teis, Chapela e Trasmañó mobilizaron a ducias de afectadas polas peaxes existentes na Autoestrada AP-9 entre Vigo e Redondela. A xente, co apoio dalgunhas formacións políticas, clamou unha vez máis tanto pola conversión da autoestrada nun tramo urbano desde as torres de Padín como, no seu caso, pola eliminación do cobro por usar a infraestrutura nesa zona.

En concreto, os motivos que levaron a veciños e veciñas á protestar de novo foron instar ao Ministerio de Transportes a que elimine a portaxe que existe entre Redondela e Vigo. Tamén queren que un pequeno tramo sexa urbano e que se poñan en marcha medidas contra a contaminación acústica que padecen a diario.

Igualmente, coa manifestación -que comezou na rotonda de Padín e foi até a Avenida de Bos Aires, no acceso á propia instalación-, desde Teis, Trasmañó e Chapela reclaman que se instalen pasos elevados seguros na Xorxa e na Trapa e que se fagan unhas obras da adenda en Chapela.

“Unha das reivindicacións históricas da veciñanza de Vigo e Redondela é a eliminación das portaxes do tramo entre estes dous concellos. Non pode ser que a día de hoxe se continúe pagando por un percorrido de 10 minutos que conecta dous concellos limítrofes”, defendeu o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que participou na actividade reivindicativa acompañado de máis representación do Bloque, pero da comarca.

O nacionalista solicitou, tamén, que o Goberno do Estado español cumpra o pacto da investidura para estabelecer “a gratuidade” para usuarios habituais ou a “absorción do incremento do 1% anual acumulativo durante vinte anos”.

Compensacións

Sobre as peaxes tamén se pronunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que dixo recibir “con decepción” a decisión do Executivo de Pedro Sánchez de reclamar pola vía xudicial os pagos que pediu a concesionaria, algo que considera un intento de que “a bonificación a paguen os galegos”.

Referiuse así aos 26 millóns de euros que quere cobrar Audasa polos pasos de Rande e A Barcala, pois o custe deixou de ir a parar á concesionaria da infraestrutura en 2017 porque o Ministerio de Fomento asumiu os tramos.

Comentarios