domingo 12.07.2020

O BNG denuncia na Xunta Electoral o Goberno galego por empregar a web da Xunta para “facer propaganda do PP”

O lema electoral do PP "Galicia é moito" reproduce unha campaña institucional impulsada desde a Xunta con cartos públicos con lendas como "O rural é moito", critican as nacionalistas.

O BNG denuncia na Xunta Electoral o Goberno galego por empregar a web da Xunta para “facer propaganda do PP”

O BNG ven de presentar sendas denuncias ante a Xunta Electoral contra o Goberno da Xunta e contra o actual presidente, Núñez Feixoo, por utilizar a web institucional “para facer propaganda en beneficio do PP”.

A formación nacionalista advirte que “non só se está a utilizar a canle oficial para pregoar supostos logros do PP senón que mesmo se usa a páxina web do Executivo galego para difundir unha campaña institucional que copia o lema electoral ‘Galicia é moito’ co que se está promocionando ao candidato Feixóo.”

Para o Bloque é un caso de flagrante incumprimento do artigo 50.2 da Loreg, que recolle expresamente: “desde a convocatoria das eleccións até a celebración das mesmas queda prohibida calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos, ou que se utilicen imaxes ou expresións coincidentes ou similares ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas que concorren ás eleccións”.

O BNG denuncia a vulneración deste artigo por parte do PP por usar a web da Xunta e valados publicitarios, - “en ambos casos recursos públicos pagados co diñeiro de todas e todos” -, para difundir mensaxes “similares e mesmo idénticas ás usadas polo propio PP nas sua campaña electora”l.

Así, o Partido Popular publicita estes días a súa campaña preelectoral ‘Galicia é moito’ acompañada da cara de Feixoo, mentres que, ao mesmo tempo, está a difundir unha campaña institucional en valados exteriores e na propia web cos logos oficiais da Xunta “que é unha copia descarada do lema electoral, lucindo lendas como O Rural é moito, Galicia é familia ou Galicia é verde”.

Emgaden que a web institucional “acumula desde o día da convocatoria das eleccións do 5A unha catarata de notas de prensa difundido supostos logros do Goberno do PP, de novo nun incumprimento evidente do artigo 50.2 da Loreg”.

comentarios