Cupo para as e os habitantes

O BNG defenderá no Parlamento que non se restrinxa o acceso ás vivendas á veciñanza de Ons

Ana Pontón recolleu a preocupación da veciñanza de Ons e criticou que se estea tratando mellor ás persoas que veñen de visita que ás veciñas e veciños que historicamente habitaron a illa e que “fixeron posíbel que Ons exista”.
Pontón, Bará e Juncal con veciñanza da Illa de Ons
photo_camera Pontón, Bará e Juncal con veciñanza da Illa de Ons

Veciñanza da Illa de Ons afectada pola decisión da Xunta de restrinxir o acceso á illa mediante un cupo de entrada reuniuse esta mañá en Bueu coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

No transcurso da xuntanza Pontón comprometeuse coas persoas afectadas a levar ao Parlamento unha proposición non de lei para darlles voz e procurar unha solución á “discriminación” que está a supoñer a restrición da Xunta para entrar na illa.

Ademais, o BNG anunciou que tamén instará a cámara galega a crear unha comisión mixta con representación da Xunta, veciñanza e concello co obxectivo de abordar un acordo sobre as demandas dos veciños e veciñas.

Trátase dunha media “arbitraria”, denunciou a líder nacionalista

Na xuntanza, en que tamén participaron o alcalde nacionalista de Bueu, Félix Juncal, e o deputado Luís Bará, Pontón afirmou que a Xunta de Galiza está a provocar “un problema” ao limitar o dereito de acceso aos veciños e veciñas, persoas, explicou, que teñen alí as súas casas e unha importante parte da súa vida.

Trátase dunha media “arbitraria”, denunciou a líder nacionalista, quen lembrou que Ons conta cunha grande riqueza tamén en patrimonio inmaterial e vivo “que a Xunta está a atacar coa súa decisión”.

“A Xunta debe entrar en razón e dar unha solución rápida que pasa por facer unha declaración do valor da veciñanza e o recoñecemento do acceso en liberdade á illa das persoas que historicamente viven alí", reclamou Pontón

Pontón recolleu a preocupación da veciñanza e preguntou como é posíbel que se estea tratando mellor ás persoas que veñen de visita que aos que fixeron posíbel que Ons exista.

“A Xunta debe entrar en razón e dar unha solución rápida” que pasa por facer unha declaración do valor da veciñanza e o recoñecemento do acceso en liberdade á illa das persoas que historicamente viven alí e o seu dereito á propiedade.

Por outra parte, a líder nacionalista reclamou un plan de xestión, en colaboración co concello e veciñanza para ordenar este espazo natural. “Ons é algo máis que un anaco de terra no mar”, afirmou Pontón, quen engadiu sobre a illa que se contén “cultura, historia, etnografía e lazos familiares”.

A líder nacionalista reclamou un plan de xestión, en colaboración co concello e veciñanza para ordenar este espazo natural

“Se a Xunta non atende as demandas dos veciños e veciñas da illa, e se non muda a súa decisión, o concello retirará o seu apoio á Declaración de Patrimonio da Humanidade a Ons apresentada por esa institución”, asegurou Juncal, defendendo que “non se pode entender un espazo sen ter en conta a súa humanidade”.

Juncal tamén criticou o desleixo da Xunta co concello de Bueu a quen acusou de pretender manter “un control total sobre Ons” coa coartada de estabelecer un carné á veciñanza para entrar en Ons, a marxe do cupo de visitantes, medida que non conta co apoio da cidadanía nin da corporación municipal.

Comentarios