O BNG chama á mobilización contra a "impunidade" dos responsábeis políticos

A organización frontista denunciou que a sentenza do Prestige deixa "os responsábeis impunes" e chama á cidadanía a tomar parte das mobilizacións convocadas para "erguer a bandeira da dignidade" fronte un poder xudicial que, din, "non e capaz de repoñer a xustiza". 

Xavier Vence [Imaxe: SG]
photo_camera Xavier Vence [Imaxe: SG]

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, considerou esta quinta feira que a sentenza ditada pola Audiencia provincial da Coruña co gallo do xuízo pola catástrofe do Prestige deixa "impunes os responsábeis políticos" do que é o maior desastre ecolóxico producido na Galiza e no Estado español. 

Após coñecerse que o fallo xudicial exime de responsabilidades penais e civís o único representante político que sentou na cadeira d@s acusad@s, José Luis López Sors, para a organización frontista o sistema xudicial español "non é capaz de repoñer a xustiza" e denuncia o carácter político da sentenza.

O BNG exixe que a Fiscalía presente un recurso para "abrir un proceso con garantías"

Neste senso, o portavoz nacional do Bloque considerou que houbo "unha suma de circunstancias" que se traduciron no resultado final da sentenza, como son, indicou, "unha lexislación bananeira" e "anticuada" perante catástrofes ecolóxicas mais tamén, denunciou, "unha instrución teledirixida polo poder político" plagada "de irregularidades". 

Para Xavier Vence, a actuación da xustiza desde o inicio da instrución no xulgado de Corcubión atendía "ao interese do goberno" que pulaba por ralentizar o proceso de investigación mesmo non o dotando dos recursos precisos. Neste senso, considerou que "a Fiscalía debería recorrer" a sentenza para reclamar a apertura "dun outro proceso coas debidas garantías". 

Chaman á mobilización para recuperar "a dignidade" do Nunca Máis

"Isto non pode quedar impune", asegurou en comparecencia de imprensa Xavier Vence, quen lanzou un chamamento á cidadanía para secundar as mobilizacións convocadas para esta sexta feira nas distintas vilas e cidades galegas a fin de "recuperar", indicou, o espírito daquel movemento popular que asolagou as rúas do país nos meses posteriores ao afundimento do petroleiro. 

Segundo o líder nacionalista, estas concentracións deben "amosar o rexeitamento" a que "os responsábeis políticos queden impunes" e "erguer a bandeira da dignidade" que simbolizou co emblemático símbolo do movemento Nunca Máis. 

Mocións para que non volva acontecer

Así mesmo, Xavier Vence anunciou que o BNG presentará "mocións perante en todas as institucións" municipais, nacionais, españolas e mesmo europeas para exixiren "os medios precisos" a fin de que unha catástrofe como a do Prestige "non volva ocorrer". Desde o Bloque entenden que após 11 anos do acontecido aínda "non se puxeron en marcha as medidas precisas" para evitalo, embora xa foran reclamadas naquela altura. 

"Galiza continúa exposta e sen medios de salvamento e seguridade marítima para facer fronte a unha catástrofe como aquela", subliñou o portavoz nacional do BNG, quen reiterou que a súa formación demandará das autoridades galegas e españolas "competencias" propias para Galiza en materia marítima, pois "é Galiza a que paga as consecuencias". 

Comentarios