O BNG celebra o seu 40 aniversario cun acto político en Riazor

A cita en Riazor congregará á dirección nacional, a responsábeis políticos e á militancia, incluíndo nomes que formaron entón e forman parte da organización así como novas incorporacións.
Ana Pontón e Rubén Cela presentaron os actos de conmemoración do 40 aniversario do BNG.
photo_camera Ana Pontón e Rubén Cela presentaron os actos de conmemoración do 40 aniversario do BNG.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebra este domingo o 40º aniversario da súa fundación no Frontón de Riazor, que tivo lugar o 25 e o 26 de setembro de 1982, cun acto político centrado no presente e que mira ao "futuro".

Trátase dun dos actos centrais deste 40º aniversario que o BNG celebra como segunda forza política no Parlamento da Galiza tras as eleccións de 2020, capitaneado por Ana Pontón como portavoz nacional. Esta cita vén precedida da colocación dunha placa conmemorativa no propio frontón e da presentación dun documental sobre a fundación da organización frontista e un libro recompilatorio dos fitos históricos nestes 40 anos.

Fontes nacionalistas explicaron que se trata dun acto político de "presente e futuro", ao estilo dunha convención nacional, polo que o BNG fuxe dunha foto de reencontro, como, en parte, tivo lugar na presentación do documental.

O traballo audiovisual impulsado pola Fundación Galiza Sempre, que preside Rubén Cela, contou co veterano político Xosé Manuel Beiras como un dos impulsores da fronte que el mesmo levou ao seu teito electoral no que a votos se refire (395.435) en 1997, cando o BNG deu o primeiro 'sorpasso' ao PSOE de Abel Caballero (hoxe en día alcalde de Vigo) nunhas autonómicas e ademais Camilo Nogueira se fixo co escano en Europa.

Reencontro

Precisamente, tanto Beiras como Camilo Nogueira reencontráronse na presentación do documental da fundación do BNG, deixando unha foto de reencontro xunto a outros políticos nacionalistas como Alfredo Suárez Canal, Encarna Otero e a actual líder do Bloque. 

Así as cousas, a cita en Riazor congregará á dirección nacional, a responsábeis políticos e á militancia, incluíndo nomes que formaron entón e forman parte da organización así como novas incorporacións.

Tras a benvida do portavoz municipal, Francisco Jorquera, o acto contará cunha participación colectiva, cunha decena de intervencións de militantes que concluirá coa intervención da portavoz nacional do BNG, formación que conta agora con 19 deputados na Cámara galega, un representante no Congreso -Néstor Rego- e unha eurodeputada -Ana Miranda.

Libro recompilatorio

En días pasados, a formación nacionalista tamén deu a coñecer o libro dos 40 anos do BNG -obra de Manuel Anxo Fernández Baz- que recolle episodios desde o encarceramento en 1989 de Francisco Rodríguez (acusado da queima dunha bandeira española en 1984, feitos que "nunca se puideron demostrar"), pasando pola "revolta" en Allariz protagonizada por Anxo Quintana, que foi alcalde e anos máis tarde alcanzou a vicepresidencia da Xunta, até a década de "reflexión" que se abriu tras a asemblea de Amio en 2012 e o novo teito electoral en escanos (19) das eleccións de 2020.

No documento tamén se repasan as 'loitas' sociais nas que se viu implicado o BNG, desde a defensa da sanidade pública, a feminista ou momentos tráxicos como o desastre do Prestige. Tamén se lembra o accidente do Alvia en Angrois en 2013, ano no que o BNG suspendeu a súa manifestación o 25 de xullo polo tráxico suceso.

Comentarios