Vigo

A CUT alerta dun novo fechamento do parque de Bombeiros de Coruxo: "O verán pinta mal"

Esta terza feira hai unha dotación mínima de 12 efectivos, cando o propio Goberno municipal recoñeceu que prestar o servizo con menos de 20 bombeiros deixaría os cidadáns nunha situación de "indefensión absoluta".
Bombeiros de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Bombeiros de Vigo. (Foto: Europa Press)

O sindicato CUT denunciou esta terza feira que o parque de Bombeiros municipal de Coruxo, en Vigo —un parque provisional mentres non se constrúen as novas instalacións en Esturáns— volveu ficar fechado pola falta de persoal, algo que xa ocorreu en múltiples ocasións ao longo dos últimos dous anos.

Nun comunicado, a central explicou que esta segunda feira, durante 24 horas, o parque de Coruxo, que debe atender a zona sur da cidade, tivo que permanecer fechado e "a metade da cidade" estivo "protexida por uns poucos bombeiros do parque de Teis".

Respecto diso, a CUT sinalou que calquera intervención en zonas como Coia, Navia ou Coruxo debe facerse con efectivos de Teis, o que supón "15 minutos máis" para chegar. De feito, así ocorreu con varios fogos rexistrados no sur de Vigo na madrugada desta terza feira: un coche na rúa Pablo Iglesias e varios colectores nas zonas de Fragoselo, Saiáns e estrada de Camposancos.

"Isto significa que tanto a seguridade dos cidadáns destas zonas como a dos bombeiros que están de garda queda totalmente mermada por falta de persoal e polo aumento dos tempos de resposta", cuestionou a CUT.

O sindicato denunciou tamén que o ocorrido é resultado de "anos sen ofertas de emprego e inxentes cantidades de horas extras do persoal para soster o servizo". "Tanto a xefatura de área como a do servizo, así como concelleiros e alcalde [Abel Caballero] ten sobre as súas costas o peso da responsabilidade do que poida pasar", advertiu.

Por outra parte, fontes do sindicato confirmaron que esta terza feira novamente hai unha dotación mínima de bombeiros para toda a cidade, de 12 efectivos —contando condutores, bombeiros, telefonistas, etc.—, cando o propio Goberno municipal recoñeceu que prestar o servizo con menos de 20 bombeiros deixaría os cidadáns nunha situación de "indefensión absoluta".

A CUT tamén fixo fincapé en que, tanto na segunda feira como nesta terza, tampouco hai mandos nos parques, de maneira que un bombeiro 'raso' está a exercer as funcións de xefe, "sen formación" para iso. "O verán pinta mal", advertiu o representante do sindicato, David Álvarez Salgueiro.

Comentarios