Inicio do curso escolar

O BNG acusa a Rueda de ser "insensíbel" ante o "extremo abafo" de miles de familias no inicio do curso

O PP afirma que aplicou medidas que permiten ás familias “aforrar máis de 100 millóns de euros”

Luís Bará, do BNG, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Bará, do BNG, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O viceportavoz do BNG no Parlamento galego Luís Bará acusou esta segunda feira, 11 de setembro, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, de manterse "insensíbel" ante o "extremo abafo" que sofren miles de familias galegas nun inicio de curso escolar “moi complicado”. "O Goberno do PP nega a realidade dos datos e deixa fóra dunhas axudas claramente insuficientes a miles de familias que non poden atender aos gastos extra do inicio de curso, que supón até 450 euros por crianza", sostivo.

No día da ‘volta ao cole’, Bará anticipou un "outono quente" tanto polo "malestar" que, segundo afirmou, existe entre o profesorado polo "empeoramento" das súas condicións laborais, como polo "impacto brutal" que ten a situación económica sobre as familias con nenos e nenas en idade escolar. "Hai estudos", destacou, "que apuntan que 76% das familias galegas teñen que endebedarse para afrontar os gastos de setembro e cada vez son máis os que percorren ao mercado de libros de segunda man".

"Fronte a un Goberno do PP que parece non ter alma e que lle dá as costas á xente", Luís Bará dixo que o BNG xa presentou no Parlamento "propostas en positivo" como a de habilitar de forma inmediata unha tarxeta escolar con axudas de até 500 euros en función da renda para libros de texto ou outro material necesario para o curso escolar.

Ademais, apuntou que o BNG contempla a recuperación da gratuidade dos libros de texto como unha das medidas que poría en marcha nos primeiros cen días de Goberno. Así, apuntou que tamén rexistraron iniciativas para a contratación de profesorado, a recuperación do horario lectivo e para diminuír os cocientes de alumnos por aula.

Bará acusou o PP de "falsificar os datos" no que se refire a investimento en educación e ás cifras de profesorado. Sobre o orzamento destinado, sostivo que segundo o informe da Airef o gasto en educación por habitante na Galiza sitúase en 1.043 euros, 57 por baixo da media do Estado español. "Somos os quintos pola cola, só por diante de Asturias, Madrid, Castela e León e Castela-A Mancha", apuntou.

Ademais, referiuse ao Diario Oficial de Galicia (DOG) para asegurar que, ao contrario do que di a Xunta do PP, este inicio de curso empeza na Galiza con 60 unidades menos e un recorte de 78 prazas de profesorado en Infantil e Primaria. "E mentres se aplica a tesoira na educación Infantil, o que fixo a Xunta durante os últimos anos foi aumentar o diñeiro destinado á privada, con 2.496 millóns de euros entre o 2012 e o 2021 e un incremento de case o 30% neste período", criticou.

Réplica do PP

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos, sostivo que a Xunta está a pór todo o que está na súa man para que o inicio de curso se produza con total normalidade.

Neste sentido, dixo que "fronte a unha baixada de 2.000 alumnos menos nas distintas etapas respecto ao pasado curso", vai contar con “370 profesores máis”. Ademais, tamén indicou que a Xunta "intensifica este ano o seu apoio ás familias con medidas que lle permitirán aforrar máis de 100 millóns de euros".

Comentarios