O BNG de A Bola denunciou esta terza feira a suposta falta de transparencia coa que traballa a alcaldesa, a popular Teresa Barje. En concreto, o partido acusou á rexedora de negar un informe.
“Está obstaculizando a cada paso o labor de oposición e control das dúas concelleiras nacionalistas”, indicaron fontes do partido, que ademais indicaron que finalmente tiveron que pagar polo expediente.
O documento solicitado alude a un tema de obras e o Bloque di que Barje estase a resistir “a facilitar un expediente de reposición da legalidade urbanística de marzo pasado que afecta ás obras nunha propiedade particular”.
En concreto, a portavoz nacionalista, Vanessa García, ingresou esta segunda feira, segundo afirma o grupo- unha taxa de 22,60 euros pola información, malia que o asunto tamén foi a pleno.
O Bloque Nacionalista Galego pensa que se está a ocultar algo porque “o 4 de xaneiro deste ano, Teresa Barje solicitou un informe ao arquitecto municipal en relación a unhas obras nunhas parcelas particulares de Podentes que están incluídas na contorna de protección da igrexa e do cemiterio da Santa María”.
“Cinco meses e medio despois, a alcaldesa non foi quen de explicar no pleno deste martes a razón desa solicitude”, engadiron, pois a alcaldesa só comentou que “había informes técnicos e denuncia de parte”.
Por outra parte, preguntan tamén que sucede co caso “do falso policía”.