POLÍTICA

O Bloque presenta unha proposición para restituír o préstamo gratuíto e universal de libros

O Bloque presenta unha proposición para restituír o préstamo gratuíto e universal de libros

A organización frontista rexeita o modelo proposto pola Xunta que combina 'cheques axuda' e 'fondos solidarios'.

Cosme Pombo
photo_camera Cosme Pombo [Imaxe BNG]

O deputado do BNG, Cosme Pombo, presentou esta sexta feira unha Proposición non de lei coa que a organización frontista defenderá a restitución do préstamo gratuíto e universal de libros no ensino público. 

A iniciativa do Bloque visa derrogar as dúas Ordes de Educacións que implantan un novo modelo para a adquisición dos libros de texto e que combinan os 'cheques axuda' que veu concedendo o goberno de Alberto Núñez Feijóo coa creación de "fondos solidarios". Cada fórmula rexerá distintos niveis formativos. Neste senso, as axudas económicas destinaranse a 1º, 2º, 4º e 6º de Primaria e 1º e 3º da ESO. Pola súa banda, os préstamos através de fondos dirixiranse ao alumnado e familias de 3º, 5º de Primaria e 2º e 4º da ESO. 

Ambos os dous mecanismos desenvolveránse seguindo criterios de renda priorizando, segundo a Xunta, as familias con menos recursos. 

Pombo considerou "inxusto" o modelo de Feijóo que combina 'cheques axuda' e 'fondos solidarios'

Porén, desde o BNG denuncian que o método de Feijóo supón un "sistema totalmente inxusto". “Algunhas familias reciben un cheque que non cubre sequera o abono dos libros”, explicou Pombo quen puxo como exemplo unha familia monoparental cunha renda de 500 euros ao mes que recibe unha axuda de 90 euros para os libros do seus fillos, libros custan “máis do duplo”. 

Neste senso, demandarán a restitución do modelo anterior baseado en préstamos gratuítos e universais. Unha iniciativa que, lembrou Cosme Pombo, foi implantada polo goberno de Fraga e "xeralizada" polo Bipartito. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios