18-F

Besteiro garante en Monforte o desbloqueo do Porto Seco e as infraestruturas para o seu despegue económico e creación de emprego

“Queremos unha Galiza viva, que medre ao mesmo ritmo que o resto de España, que cree emprego e permita á xente quedarse a vivir nos seus pobos e cidades se así o queren, pero para iso debemos tamén recuperar a calidade dos servizos públicos que nos foron recortados por estes 15 anos de ineptitude do PP”, salienta o candidato socialista.
Acto do PSdeG en Monforte. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto do PSdeG en Monforte. (Foto: Nós Diario)

O candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este sábado en Monforte que desbloqueará o Porto Seco para o convertelo nun nodo loxístico de referencia para as mercadorías na Galiza e Europa. "Esta actuación, que o PP mantén paralizada desde hai máis de dez anos, é clave para a creación de emprego, o desenvolvemento industrial, empresarial e innovador de Monforte e toda a súa comarca", dixo.

Esta actuación, precisou, "debe ser complementada por unha rede loxística de infraestruturas", entre as que sinalou como prioritaria o desdobramento integral do Corredor Nadela-Sarria-Monforte, "para convertelo en autovía e asegurar a conexión estratéxica co interior da Galiza". Criticou que "en 15 anos o PP de Rueda só fora capaz de facer 11 quilómetros (A Pobra de San Xiao-Sarria) e nin sequera contemplara estendelo até Monforte".

Sinalou tamén que, "fronte ao enfrontamento e incapacidade demostrada por Rueda", os socialistas ofrecen "diálogo e colaboración", e así mencionou as actuacións iniciadas polo Goberno estatal, entre as que destacou o investimento de máis de 500 millóns de euros na electrificación da conexión ferroviaria coa Meseta en Alta Velocidade do treito Lugo-Monforte-Ourense; a finalización da Ronda urbana da vila e a súa conexión coa N-120, pola que Monforte levaba agardando 30 anos, ou a próxima licitación, en abril, do primeiro tramo da A-76 Ponferrada-Monforte-Ourense.

Estas obras farán prosperar, dixo, o labor do alcalde José Tomé, coa implantación na cidade de proxectos punteiros como o da farmacéutica Kern Pharma ou o Centro de Ciberseguridade de Renfe. Recolleu tamén a petición do Concello para dobrar a superficie do Polígono Industrial porque "a Xunta que eu presida deixará de ser un obstáculo para converterse en aliada dos concellos, de forma activa e dinamizadora, atraendo novos investimentos e eliminando a burocracia e a mala xestión".

“Queremos unha Galiza viva, que medre ao mesmo ritmo que o resto de España, que cree emprego e permita á xente quedarse a vivir nos seus pobos e cidades se así o queren, pero para iso debemos tamén recuperar a calidade dos servizos públicos que nos foron recortados por estes 15 anos de ineptitude do PP”, salientou.

Neste sentido, Besteiro cualificou como a situación "máis grave" a que atravesa a sanidade pública na Galiza e asegurou que, “para os socialistas é fundamental reforzar a Atención Primaria, dotándoa de máis profesionais e especialidades” e, no caso de Monforte, “dotar de máis investimentos e máis persoal o Hospital Comarcal”.

Acusou a Rueda de "ir desmantelando ás caladas a sanidade" e, neste sentido, constatou que “o centro de saúde monfortino ten cinco médicos dos 12 que precisaría para atender unha poboación de máis de 18.000 habitantes; menos da metade, e logo negan que haxa saturacións. Nós garantimos a cita médica en 48 horas. Coa saúde non se xoga”, subliñou, e animou os monfortinos e monfortinas a participaren este domingo na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela.

Por último, o candidato do PSdeG apuntou á potenciación do sector vitivinícola como sector produtivo estratéxico que ademais ten dobre impacto na promoción económica do territorio a través do enoturismo e o turismo sostible. E comprometeuse a consensuar vontades e loitar “por que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Un traballo, recordou, que iniciei eu mesmo como Presidente da Deputación de Lugo no ano 2011 e que aspiro completar cando sexa Presidente da Xunta”.

Comentarios