18-F

Besteiro compromete o 1% do orzamento da Xunta a igualdade e recuperar dereitos para o terceiro sector

Besteiro comprometeuse a repor a Tarxeta Básica suprimida pola Xunta dentro dun plan de actuación contra a pobreza e a exclusión social con orzamento, prazos e medidas concretas, incorporando axudas á vivenda para familias vulnerábeis.
Acto do PSdeG na Coruña esta quinta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Acto do PSdeG na Coruña esta quinta feira.

O aspirante socialista a liderar San Caetano, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse esta quinta feira a destinar o 1% do orzamento da Xunta da Galiza a políticas de igualdade e a recuperar dereitos para o terceiro sector. En declaracións aos medios desde A Coruña, o político lugués apostou pola igualdade como "reto verdadeiro de país" para recuperar a "desigualdade" derivada dos "recortes" sufridos durante os anos de goberno do Partido Popular na Xunta.

No sétimo día de campaña, Besteiro reuniuse na cidade herculina máis de 80 colectivos sociais da cidade, un encontro no que tamén participou a alcaldesa Inés Rei, á que puxo como exemplo de xestión dos servizos sociais para toda Galiza. Ante estes colectivos, Besteiro comprometeuse a "desbloquear" os servizos de atención á dependencia e a cambiar os "bonos electoralistas" por "dereitos recoñecidos".

No acto, decorrido no Hotel Eurostars Atlántico, Besteiro aludiu ao 'Bono coidado' e asegurou que non se trata dunha nova prestación, senón dunha actualización de contías obrigada por lei, ou o bono residencia. Fronte a iso, comprometeuse a incrementar os recursos para a atención á dependencia para cumprir co prazo de seis meses fixado por lei. Ademais, lembrou que segundo a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, Galiza é a terceira comunidade autónoma que menos gasto asgina á dependencia.

Aliás, sinalou que Galiza recibe máis financiamento estatal "que nunca" mentres "continúa á cola do Estado en investimento polo desleixo do PP", que quere "boicotear un dereito fundamental para a vida das persoas". O aspirante socialista agradeceu o traballo das asociacións, que en moitas ocasións ven obrigadas a suplir a falta de recursos da Xunta en servizos que deberían estar incluídos dentro da carteira de servizos sanitarios.

Así, dixo que as entidades da Coruña non só atenden a cidade, senón que teñen que estender a súa tarefa á veciños da área metropolitana, un "exemplo de solidariedade ante a falta de equipamentos sociais". Na súa intervención, Besteiro comprometeuse a repor a Tarxeta Básica suprimida pola Xunta dentro dun plan de actuación contra a pobreza e a exclusión social con orzamento, prazos e medidas concretas, incorporando axudas á vivenda para familias vulnerábeis.

Ademais, defendeu a reforma da Lei de Inclusión Social da Galiza e as súas prestacións para adaptalas á nova situación xerada despois da posta en marcha do ingreso mínimo vital, que figura na Axenda social única consensuada coa Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e o terceiro sector. O candidato socialista acusou a Xunta de incumprir o seu compromiso e defendeu unha nova redacción que simplifique a xestión de axúdalas inclusión e conecte o IMV coa Risga.

Residencias

O PSdeG sinalou que Besteiro tamén presentou o seu programa de servizos sociais, que inclúe un Plan de residencias para maiores con prezos xustos e atención personalizada, que permitiría ademais crear riqueza e emprego nos concellos e dotar a atención domiciliaria de máis recursos.

Tamén criticou que a Xunta respondese as denuncias de filtracións das inspeccións ás residencias "atacando aos inspectores", e comprometeuse a reforzar estes equipos. Por último, dixo que como presidente asumirá a maior parte do custo do Servizo de Axuda no Fogar e comprometeuse a elaborar un plan de erradicación da pobreza infantil.

Comentarios